O PSdeG-PSOE da provincia participou este martes activamente nas manifestacións convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública. Deste xeito, os secretarios provincial, de organización e de Sanidade, Juan Carlos González Santín, Carlos Ferreiro e Darya Fernández, respectivamente, así como a deputada autonómica, Concepción Burgo, entre outros socialistas, sumáronse á concentración de Lugo; o deputado autonómico José Ramón Val, os deputados provinciais e voceiros de Cervo e Burela, Lara Méndez e Alfredo Llano, e a coordinadora da Mariña, Mayra García, á de Burela; e o deputado autonómico, Vicente Docasar, a secretaria de emprego, Gloria María Prada, e outros socialistas da Zona Sur, á de Monforte e Lemos.
Con esta ampla participación, o PSdeG amosouse en contra dos recortes e das medidas impostas polo Partido Popular, tendentes á privatización. É o caso do Real Decreto 12/2012 que crea o imposto sobre a enfermidade mediante o repago de medicamentos e o transporte sanitario ou o a creación das áreas de xestión clínica que pretenden transferir ós profesionais a decisión de aforro a costa da saúde das persoas.
Así mesmo, os socialistas tamén acudiron a estas concentracións porque se opoñen ó contrato de alta tecnoloxía, que permite que, durante os próximos oito anos, as empresas seleccionadas xestionen os servizos de Radioterapia, Radioloxía e Intervencionismo, centralizando os servizos en grandes complexos e deixando á marxe os hospitais comarcais. Estas drásticas medidas, aseguran, provocarán “o deterioro da Sanidade pública” que se completa cos recortes en personal, pois só se cubren o 10% das xubilacións. “Con isto, o que se conseguirá é que en pouco tempo non se proida prestar unha atención sanitaria de calidade. Os impostos dos cidadáns que financian os servizos públicos non poden ser empregados polo Goberno para facer negocio e entregar a Sanidade ós seus amigos para que estes se enriquezan á costa da saúde das persoas”, conclúen.
Reaccións dos socialistas
Por todo isto, os socialistas da Mariña anunciaron a pasada fin de semana que pedirán en todos os Concellos que o Partido Popular se opoña ó desmantelamento do Hospital da Costa. Para elo, presentarán nos respectivos Plenos municipais unha moción conxunta para esixir que se garanta a sanidade pública comarcal. Esta decisión, apoiada por todos os representantes do PSOE nos municipios desta zona da provincia, súmase á do grupo municipal socialista de Burela, quen xa solicitou unha sesión extraordinaria para que este centro sanitario siga prestando os mesmos servizos públicos.
Deste xeito, os socialistas rexeitan decididamente a área sanitaria integrada provincial, pois é unha medida privatizadora. Precisamente, o día 10 de decembro farase efectivo o traslado do personal facultativo ó HULA; isto significa que, cando menos, un especialista e unha enfermeira de prevención de riscos laborais veranse obrigados a reforzar, varias veces por semana, este servizo no centro sanitario da capital. Ademais, a área de contabilidade deixará de existir a partir do 1 de xaneiro, perdéndose alomenos seis postos de traballo.