Os Alcaldes socialistas e os voceiros do PSOE nos municipios polos que discorre a Nacional 640 presentarán nos respectivos Plenos unha moción conxunta para esixir ó Goberno Central o acondicionamento urxente dos 32 quilómetros que faltan deste vial que comunica Meira con Lugo. Esta medida súmase á anunciada o pasado xoves polo deputado no Congreso –José Blanco-, e que inclúe a presentación da mesma petición na Cámara Alta.
Esta parte do vial é o último treito que falta por mellorar, pois o que enlaza Vegadeo co casco urbanos de Meira foi acometido no período no que o Ministerio de Fomento estivo dirixido polo Partido Socialista. Deste xeito, os Alcaldes e representantes do PSOE nestes Concellos, agardan recibir o apoio dos grupos municipais do Partido Popular, pois xa pasaron dous anos dende que se produciu o cambio no Goberno e, a día de hoxe, este non realizou nin un só trámite para rematar este proxecto, que fora impulsado polo ex Ministro José Blanco, e que contemplou actuacións que rondaron os 13 millóns de euros. Así mesmo, os socialistas remitirán o acordo ó Executivo estatal co obxectivo de que este proceda, no menor tempo posible, á súa reparación, xa que o estado de deterioro no que se atopa o firme constitúe un risco para o tráfico rodado e a seguridade dos viandantes.
Concretamente, os traballos levados a cabo polo Ministerio no período 2004-2011 abarcaron un total de 79,4 quilómetros. Foron os seguintes:
-Treito Vegadeo-A Pontenova, dende o punto quilométrico 13,4 ó 37,7. As obras, contaron cun orzamento de 6,3 millóns de euros. Foron adxudicadas en xuño de 2011 e tiveron un prazo de execución de 18 meses. Incluíron a construción dunha glorieta no termo municipal da Pontenova, rehabilitación do firme e a correspondente sinalización, balizamento e defensas.
-Treito A Pontenova-Paraxes (A Pastoriza, LU-122), dende o punto quilométrico 37,7 ó 61,7. Neste caso, executouse un proxecto de conservación e rehabilitación estrutural do firme por importe de 6 millóns de euros. Os traballos finalizaron en 2011.
-Treito Paraxes (A Pastoriza, LU-122), dende o punto quilométrico 61,7 ó 92,8. O Goberno socialista estaba redactando un proxecto de conservación, polo que debería de estar rematado a estas alturas.
Máis actuacións de Fomento en Meira
No periodo en que o Ministerio de Fomento estivo dirixido polos socialistas tamén se acometeu outra actuación de extraordinaria importancia para o municipio meirense. Trátase da ampliación da ponte; un proxecto clave para esta localidade, que incluíu a rehabilitación e prolongación do paseo, Foi redactado en 2006 e contou cun orzamento de 328.0000 euros.
Co PP os investimentos caeron máis do 20% e co PSOE subiron un 30%
Dende que o PP regresou ó Goberno o investimento non deixou de caer na provincia: ano 2010 (325,81 millóns de euros), ano 2011 (178,46 millóns de euros), ano 2012 (161,16 millóns de euros), ano 2013 (132,92 millóns de euros) e ano 2013 (125.65 millóns). Así mesmo, o ano que vén os fondos públicos destinado a Lugo serán un 30% menos que no último ano do Goberno socialista e un 61% menos dende o ano 2010.
Pola contra, durante os sete anos de Goberno de PSOE, Fomento executou investimentos na provincia por valor de 1.020 millóns de euros, un 30% máis con respecto ó anterior período do Goberno do PP (788 millóns). Este esforzo inversor situou a Lugo como a provincia galega con máis quilómetros de autovía libre da peaxe (182), e unha das primeiras de España na que máis se investiu en materia de estradas.