Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego aproba por unanimidade a iniciativa do grupo popular en apoio a Sargadelos

Santiago, 11 de decembro de 2013.- O Parlamento de Galicia aprobou este mércores, por unanimidade, unha iniciativa do Grupo Popular en apoio de Sargadelos e ante a situación de dificultade pola que pasa esta emblemática compañía, que vén de anunciar a posta en marcha dun expediente de regulación de emprego (ERE) que completa o despedimento de 68 traballadores do seu cadro de persoal.

Segundo explicou o autor da iniciativa, o deputado popular Jose Manuel Balseiro, o acordo parlamentario insta á Xunta de Galicia a impulsar as iniciativas e ferramentas ao seu alcance para, en colaboración coa empresa e os traballadores, procurar a viabilidade da Cerámica de Sargadelos (Cervo) e da Cerámica de O Castro (Sada), os dous centros produtivos que este grupo empresarial ten na nosa comunidade.

PROSPERA O TEXTO PACTADO COS TRABALLADORES
A iniciativa foi aprobada cos votos a favor do Grupo Popular e co apoio das forzas da oposición, que renunciaron a incorporar as emendas formuladas para acoller a literalidade do texto pactado polo propio Jose Manuel Balseiro cos representantes do traballadores. En concreto, o texto está centrado en acadar os apoios necesarios para conseguir un proxecto que dea viabilidade ás fábricas e o respaldo das institucións.

Neste sentido, Balseiro lembrou que, ata o momento, a única administración que ten apoiado economicamente á empresa foi a Xunta de Galicia que, no ano 2010, outorgou diversas axudas e, aproveitou a súa intervención, para facer un chamamento instando a que outras administracións poidan implicarse tamén en apoio da continuidade dunha cerámica que chegou a converterse por méritos propios en símbolo de identidade de Galicia.

Exit mobile version