Mércores 11 de decembro. O IES María Sarmiento de Viveiro mergullouse a semana pasada no mundo da imaxe a través do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2013. Máis de corenta alumnos/as gozaron da terceira edición da cita coa visita do novísimo artista local David Catá, internado nun proxecto persoal que abrangue a pintura, escultura, fotografía e videoperformance, así como dos detalles da fotografía a través do persoal da Caixa Escura Producións.
Imaxiña, baixo a organización de Imdecum, combina obradoiros de fotografía cun atractivo concurso final, dirixido aos centros de ensino secundario. Co apoio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o festival Imaxiña suma en 2013 a participación dos IES María Sarmiento, de Viveiro, e Illa de Sarón, de Xove, para que poidan coñecer a maxia artística da Mariña.
O estudantado dos dous institutos poderán dar renda solta á súa creatividade e imaxinación a través do concurso final, en dúas categorías, fotografía e vídeo, ata o 27 de decembro; esta fase tamén estará aberta para os centros que participaron o ano pasado, Monte Castelo (Burela), Marqués de Sargadelos (San Cibrao), Vilar Ponte (Viveiro) e Gamallo Fierros (Ribadeo). Co comezo de 2014, a Fundación Imdecum fará público o nome dos gañadores, que recibirán unha cámara fotográfica como premio, na exposición dos traballos seleccionados.