CERVO, 28 DE DECEMBRO. O Grupo Municipal Socialista de Cervo faise eco das queixas recibidas por veciños da parroquia de Rúa, “o temporal destes últimos días provocou que quedaran sen luz. Din que alertaron ó Concello do perigo que supoñen árbores públicas que se atopan cerca das vivendas e do tendido eléctrico, pero nunca recibiron resposta”.
Os socialistas lamentan a “deixadez e desidia do equipo de goberno ante estes casos. Coñecedores da situación, quedan de brazos cruzados e en días de fortes ventos como os que levamos pasados, son os veciños os que sofren as consecuencias da súa inoperancia”.
Engaden que “nunca prestan atención ás peticións do GMS, pero do que se teñen que dar conta é de que en realidade son demandas dos cervenses e para os cervenses. O equipo de goberno debe velar polo benestar e seguridade de tódolos veciños por igual e parece que para os populares de Cervo sempre hai distincións entre veciños de primeira e de segunda”.
Despois destes días de temporal, esixen que “atendan coa maior urxencia posible as demandas dos veciños, arranxen os problemas que poideran ter acontecido e traten, a partir de agora, de ter feitas as xestións oportunas para evitar este tipo de incidentes sen esperar a que sucedan”.