Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz continúa coa campaña informativa do PXOM

Foz 2 de decembro de 2013.- O BNG continúa coa súa campaña de información sobre o PXOM, que estará en prazo de alegacións ata o próximo 16 de decembro. Ademais de asesorar ás persoas que acoden ao noso local durante o prazo de exposición, tamén iniciamos unha campaña informativa co lema “Isto non é Plan” onde expoñemos a critica do BNG sobre os aspectos do Plan que vemos negativos pero tamén facendo propostas de actuación e de mellora que plasmaremos finalmente na alegación final que o BNG presentará estes días.

Son cinco puntos os que o BNG lle pide ao PXOM para poder comezar a falar e que xa expresara durante a súa aprobación inicial: que non se derruben vivendas, que non clasifique o solo de forma discrecional como sucede en moitos casos, que atenda á necesidade de vivenda dos que máis a necesitan, que dea solución á ausencia de aparcamento, zonas de ocio e zonas verdes e que non repercuta o seu custe totalmente nos que non tiveron culpa da desfeita urbanística de Foz nos últimos anos.

Para o BNG particularmente prexudicial para gran parte dos veciños de Foz é o sistema de aliñacións de viarios que determina o Plan, non só na vila senón tamén no solo urbano das parroquias costeiras, como Nois e Cangas. Esta última é especialmente maltratada no Plan co trazado do sistema viario tanto na estrada estatal N-642 como na estrada autonómica LU-162 Vilachá-Ferreira. Hai que expresar a contradición que supón que se fagan ditas aliñacións cando nesta última estrada se está executando a urbanización e construción das beirarrúas ao longo da mesma. Pois ben, no PXOM aparecen unhas aliñacións de ancho de rúa de 26 metros que non se corresponden co realidade viaria existente deixando aos propietarios de terreos moi afectados incluso coa afección da práctica totalidade das vivendas que na maioría dos casos son vivendas habituais, e quedando fóra de ordenación se ditas aliñacións se levan a cabo, ademais do custe que isto suporía.

Ademais, tamén sucede que a Cangas se lle fai asumir só en custes de solo urbano non consolidado a cifra desproporcionada de 1.686.420 euros, que supón máis do 20% de todo o solo non consolidado do Concello (que en total son 8.329.680 euros). Isto faino ademais a través dun Polígono, o POL-16, que ten un custe de 1.108.080 euros que terán que aportar os propietarios do solo no reparto de cargas que soporta este tipo de solo. A isto habería que sumar os custes do solo de núcleo rural. Desde o punto de vista do BNG, este polígono é totalmente inxustificable e na práctica inviable polas súas dimensións e pola repercusión económica que ten sobre os propietarios do solo. Para o BNG isto só se podería entender desde causas externas á propia capacidade ordenadora do plan.

Exit mobile version