Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo lamenta que o PP se negara a admitir unha emenda para ter en conta á parte laboral no debate sobre Cerámicas de Sargadelos celebrado no Parlamento

Cervo, 11 de decembro 2013. O BNG de Cervo lamentou que o PP se negara a mellorar a proposta de acordo presentada este mércores na Comisión de Industria do Parlamento a partir dunha iniciativa presentada polo propio Partido Popular na que se pedía a implicación da Xunta para garantir a viabilidade da empresa, obviando a necesidade de mantemento dos postos de traballo. Neste sentido criticaron ao parlamentario e Tte. Alcalde de Cervo por negarse a aceitar unha emenda do BNG que pretendía engadir ao punto de acordo proposto, dous a maiores para garantir o mantemento dos postos de traballo e a demanda á Xunta de Galiza para facer valer as axudas públicas concedidas en 2010 para garantir a continuidade da mesma e o mantemento dos empregos existentes.

O PP pide a implicación da Xunta na busca dunha solución a Cerámicas de Sargadelos que a propia Xunta xa negou
Para o BNG o PP actúa de forma incoherente xa que por un lado pide á propia Xunta da que é soporte político, a implicación no impulso de iniciativas e ferramentas para procurar a viabilidade da empresa e por outro nega, segundo informou a propia empresa á representación do cadro de persoal no día de onte, a posibilidade de renegociar as condición do crédito do IGAPE concedido pola Consellaría de Industria en 2010 por 600.000 euros.

Os nacionalistas pregúntanse “a que xoga o Partido Popular cando pide a implicación da Xunta que a propia Xunta xa lle negou á empresa impedindo flexibilidade na devolución do préstamo concedido en 2010.”

O PP presenta iniciativas sen ter en conta o mantemento de postos de traballo en Sargadelos e Sada, e négase a aceitar emendas que inclúan a parte laboral
O Bloque Nacionalista Galego cualificou de “parcial” a iniciativa presentada polo Tte. Alcalde Cervense, José Manuel Balseiro, por non recoller a parte laboral nas súas demandas. “Pedir unicamente a viabilidade da empresa prescindindo do mantemento dos postos de traballo é darlle a razón á parte empresarial que quere desfacerse de 70 empregos en Sargadelos e Sada como condición para ser viábel”, afirmou o portavoz municipal nacionalista Xoán Antón Estúa.

Na mesma liña, Estúa, manifestou que a emenda que o BNG quixo engadir ao punto de acordo proposto por Balseiro non ia en contra da proposta inicial senón que a enriquecía para ter en conta á parte laboral que o Sr. Balseiro esqueceu.

Con todo, e á visto de que o PP se negou a mellorar a proposta inicial, o BNG votou a favor da iniciativa aínda que teña presentado, á espera de que a Mesa do Parlamento as desbloquee, as súas propias iniciativas.

Exit mobile version