Chegadas as datas de Nadal, o Colectivo Cultural Ollomao volve convidar ao carboeiro que vive nas montañas do Courel a visitar ás nenas e nenos de Barreiros. O Apalpador, figura tradicional do Nadal galego que está a ser recuperado por varios colectivos, estará no concello barreirense este domingo, 29 de decembro. Ás 5 da tarde visitará a parroquia de Vilamartín Grande para facer un pequeno percorrido polas aldeas do interior acompañado da música do Cuarteto Tradicional Xaramolo e despois dirixirase ao Centro Sociocultural de San Cosme, onde a actividade comezará ás 18.30h.
Nesta cita, terá lugar tamén a estrea da peza teatral “Brancaniño e as seis ananeves” interpretada polo grupo de teatro infantil do Colectivo Cultural Ollomao, que comezou a andar este verán e conta con preto dunha quincena nenas e nenos participantes. Ao remate da función, o Apalpador contará contos dirixidos ao público infantil e repartirá árbores autóctonas entre as persoas presentes, como xa fixo nos anos pasados que agasallou un cento de carballos e de castiñeiros. Para pechar o acto, haberá chocolatada e carolón, postre tradicional do Nadal de noces e uvas pasas, para todas as nenas e nenos que asistan.