Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-saúde califica de éxito que miles de persoas sairan á rúa na Mariña en defensa da Sanidade Pública

Conclúen dúas xornadas de folga contras as políticas privatizadoras e de recortes deseñadas polo PP e impostas pola consellaría de Sanidade.

Segundo CIG-saúde, máis de 2000 persoas saíron ás rúas de Burela na tarde-noite deste martes para amosar o seu rexeitamento ás políticas sanitarias do PP e en defensa da sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade. A mobilización puxo o colofón a dúas xornadas de folga que foron secundadas masivamente polo persoal contra os recortes nas prestacións, nos servizos e nas condicións laborais. Unhas políticas que abren a vía cara o seu progresivo desmantelamento e privatización “para poder facer negocio coa enfermidade das persoas”.

As mobilizacións sucedéronse por toda a xeografía galega, con manifestacións multitudinarias nas que, ao seu remate procedeuse á lectura dun manifesto no que se denunciou que “os gobernos central e da Xunta están a desmantelar a sanidade pública galega, converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas e ao mellor postor”.

Para demostralo puxéronse exemplos concretos de medidas que afondan no seu desmantelamento, como as privatizacións de electromedicina, a plataforma loxística, cociñas e lavandarías, mantemento, xestión de raios…; a implantación dos copagamentos de medicamentos, ortopróteses, ambulancias…; os peches de camas, que afectan durante meses a plantas enteiras; a propia Lei de Garantías, que deriva doentes á sanidade privada ao chegar ao límite de prazo de permanencia na lista de espera pagando por anticipado, “outra mostra máis de que só poderá acceder á sanidade quen poida pagala”; a implantación da obrigatoriedade de derivar os casos menos graves de accidentes de tráfico a clínicas privadas; a taxa de amortización do 90%, que implica que de cada 100 xubilacións desaparecen 90 profesionais; o estabelecemento das áreas de servizo compartido; a proposta de áreas de Xestión Clínica, que introduce incentivos ligados ao aforro, un xogo no que afirmaron “o persoal que traballa no SERGAS non está disposto a participar” e que levou á convocatoria destas dúas xornadas de folga, porque non aceptan “cambiar a calidade da sanidade pública por uns incentivos que son pan para hoxe e fame para mañá”. Crearon as áreas de xestión integrada, como a que fixo que o Hospital da Costa e os nosos Centros de Saúde pasasen a depender de Lugo, afastando a sanidade dos veciños e veciñas da Mariña, deixando a nosa Area Sanitaria sen asignación económica e sen poder de decisión, pechando servizos do noso Hospital , como o de contabilidade, levando ás especialistas cara Lugo, como a médica de saúde laboral, amortizando prazas sanitarias nos centros de saúde de Xove, San Cibrao e Ribadeo, derivando cada vez mais pacientes a clínicas privadas de Lugo para intervencións cirúrxicas e probas diagnosticas, e para agochar esta desfeita, lanzaron promesas mentireiras como que antes de que rematase este ano ían crear unha unidade de oncoloxía ou que ían ampliar o Hospital da Costa.

Xunto a isto lembraron que o propio persoal do Sergas, como usuario da sanidade pública, sofre os mesmos recortes que afectan ao conxunto da poboación e que esta, ao tempo, se ve afectada tamén polos recortes nas condicións laborais do persoal: redución de salarios, días libres, cobertura de baixas laborais e, sobre todo, a eliminación da contratación de substitucións e da provisión de postos de traballo, que, alertaron “implica menos persoal facendo atención sanitaria, máis carga de traballo, xornadas máis longas, maior estrés laboral e, por conseguinte, menor rendemento e maiores posibilidades de erros, é dicir, menos calidade asistencial”.

Nas mobilizacións tamén denunciaron que Núñez Feijóo leva só 5 anos na Xunta e que “nunca un goberno, en tan pouco tempo, fixo tanto dano á sanidade pública e ás usuarias e usuarios”. Lembraron que até o de agora a calidade foise mantendo grazas aos esforzos de profesionais e doentes, para paliar “os graves ataques que Alberto Núñez Fejóo, Rocío Mosquera e o goberno da Xunta están a perpetrar contra un ben tan prezado” e alertaron de que “non pensan parar”, porque “non teñen outra meta que rematar coa sanidade pública e entregarlla en bandexa a empresas privadas, grandes bancos, fondos de inversión e especuladores que só buscan lucrarse a custo dos nosos petos e da nosa saúde”.

CIG-saude advirte ao PP que isto non remata aquí, “non imos parar até que cambien a súa política sanitaria e social ou até que os expulsemos do goberno. Polas boas ou pola malas teñen que entender que o Partido Popular esta no goberno para xestionar ben os servizos públicos e non para destruír o noso patrimonio sanitario. Son depositarios temporais da xestión dos servizos, estar no goberno non significa que a poboación lles transferiu a titularidade do sistema público, e que por iso poden véndela aos seus amigas/os para que fagan negocio”.

Exit mobile version