O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, fixo referencia este vernes á entrega de “preto de 44.000 razóns para que a Xunta de Galicia dote á provincia de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. Nunca antes na historia se recompilaron tantas sinaturas para a presentación dunha iniciativa parlamentaria popular”.
Martínez remarcou que “tamén neste caso, ó igual que aconteceu o pasado sábado na vergonzosa manifestación do PP contra o emprego, o Partido Popular volta a quedar só ó non apoiar as reivindicacións de miles de cidadáns que queren deixar de ser tratados como cidadáns de segunda e contar con servizos sanitarios prioritarios para as súas vidas.
“Aínda que o Partido Popular de Lugo deu as costas ós cidadáns desta provincia, espero que a Xunta de Galicia recapacite e apoie esta iniciativa parlamentaria”, remarcou.
Apoio recoñecido
Membros da Comisión do Hula, integrada pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo e a Asociación Abre la Muralla, recoñeceron persoalmente o apoio da Deputación de Lugo ás súas reivindicacións. E é que o organismo provincial participou nas 2 manifestacións organizadas pola Comisión, que foron en xaneiro e en xuño. Esta última foi a máis multitudinaria na provincia, coa participación de 18.000 persoas. Ademais, a institución luguesa aprobou varias mocións no Pleno, esixindo á Xunta a inmediata adxudicación dos servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear para o Hula.
Precisamente, “como mostra da sensibilidade e involucración da Deputación”, a Comisión do Hula adiantou a finais de novembro, nun encontro no Pazo de San Marcos co Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, o peche da campaña de recollida de sinaturas logo da ponte da Constitución, esperando o apoio de máis de 40.000 persoas, cifra que superaron. Hai que ter en conta que para presentar unha iniciativa parlamentaria popular son precisas 15.000 sinaturas. A Comisión do Hula case triplicou esta cantidade.
Entregadas as sinaturas, a Xunta ten agora un prazo de 15 días para convocar a sesión na que se abordará esta iniciativa parlamentaria popular. Será Vicente Quiroga, Presidente da Asociación Abre la Muralla, quen defenda esta iniciativa no Parlamento.
A Comisión do Hula xa anunciou que está disposta a continuar coa súa actividade en beneficio da cidadanía ante as medidas que se están a tomar de xeito unilateral en materia de sanidade.