O xornal El Progreso, do 4 de xaneiro de 1935, daba noticia de que o industrial focego Jesús Cageao, “Papaíto”, “acaba de inaugurar el primer cine sonoro; las primeras sesiones–decía–resultaron un éxito de taquilla” En 1895 os irmáns Lumier presentaran en París o sorprendente descobremento do cine, mudo por suposto, que chegaba a Galicia en 1910 (hai mais de cen anos) e o primeiro aparato, que espertou a lóxica expectación, puido ollarse en Vigo, no estudo do fotógrafo José Gil, a onde acudiron personalidades da época, entre elas don Manuel Murguía, marido de Rosalía de Castro e don Eugenio Carré Aldao, á sazón Presidente e Secretario da Real Academia Galega, respectivamente. Pasados uns anos, Cageao proxectaba películas mudas nun salón (La Sociedad) que a un tempo servía para as sesións de baile: rematadas aquélas retiraban as cadeiras e un organillo lanzaba ó ar os sons de pasodobles, valses, mazurcas e rigodóns que eran os ritmos que entón facían furor entre a xuventude dos “felices anos vinte”. As películas eran, moitas veces, ilustradas musicalmente por pianista ou outro instrumentista, presente na sala, ata a chegada do sonoro, co que a música pasou a formar parte importante na montaxe do cinema, e grandes compositores dedicaron, e dedican, os seus afáns a crear fermosas melodías que perduran ao longo dos tempos. Sería, como decimos, en 1935 cando o dinámico comerciante focense instala o cine sonoro. É nesa época que “Papaíto” construe un singular edificio na Avda. da Mariña (que hoxe, parcialmente, ocupa o Banco de Santander), sede do histórico Cine Cageao, para en 1962 (hai 50 anos) inaugúrar, pretiño deste, o magnífico sucesor daquél, que mais tarde pasaría a propiedade dos irmáns Pequenete; pero a historia da proxección cinematográfica en Foz víuse interrumpida. A irreverente voracidade inmobiliaria engulíu a que era espléndida sala, sen visos de relevo, e os focegos non poidemos celebrar as vodas de pratino do cine sonoro nen as de ouro da que foi a derradeira sala cinematográfica da vila. Unha mágoa.