O rexedor sinalou que “acaba de finalizar aquí en Santiago na sede de Fegamp unha xuntanza de traballo cos representantes de Cabo Verde que estes días están estes días aquí en Galicia, Manuel da Pina e Rosa Lopes, que xa estiveron o pasado luns en Burela, para analizar a situación dos concellos tanto en Cabo Verde como en Galicia, ver aqueles puntos de encontro que se poden establecer entre o municipalismo de Galicia e de Cabo Verde e analizar os niveis de colaboración e cooperación que se están a levar adiante na actualidade entre o país caboverdiano e a nosa comunidade autónoma”. González Barcia dixo que “os problemas que se detectan a nivel municipal tanto en Cabo Verde como en Galicia son moi similares, estamos a falar do financiamento dos Concellos, asuntos que nos atinxen a todos como xestións de residuos, saneamento, auga, infraestruturas… todos somos iguais en calquera punto do mundo, e temos os mesmos problemas, nuns casos máis agrandados pola falla de recursos, pero salvando as distancias estes problemas están presentes en todas as comunidades”.
O alcalde burelés indicou que “un aspecto que a Burela lle importa de forma especial e que eu quixen deixar patente na reunión de hoxe é a colaboración e a cooperación que debe haber entre os concellos galegos, a Xunta e a Fegamp con Cabo Verde. Nós entendemos desde o equipo de goberno que esa colaboración debe basearse en dúas liñas. Unha liña de atención a aqueles aspectos problemáticos concretos que se poidan plantexar no día a día, por exemplo envío de material escolar, etc… e por outro lado non hai que esquecer a posibilidade de establecer vehículos de cooperación e de colaboración a nivel estratéxico, é dicir a medio e longo prazo”. José Mª González Barcia lembrou “a colaboración que o Concello de Burela e a Fundación Expomar tiveron coa Xunta de Galicia á hora de estaren presentes na celebración da feira Expomar cavoverdiana a finais do mes de outubro pasado. Cremos que aí se abre un abano importante de colaboración e nós en todo aquilo que a Xunta nos pida estaremos presentes e tamén adianto que no que a Fegamp queira contar co Concello de Burela estaremos dispostos a participar”.
O Concello de Burela seguirá a participar tamén no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade “porque entendemos que é un vehículo moi importante non só para dar senón tamén para recibir. O noso Concello aporta unha cantidade que non deixa de ser simbólica, pero que a estes niveis é importante, e recibimos axuda do Fondo para a organización de actividades, etc. Participaremos na medida das nosas posibilidades, a situación económica é a que é, todos a coñecemos, e sempre desde unha perspectiva humilde, pero construtiva”.
González Barcia subliñou que “non podemos esquecer que no caso concreto da comunidade caboverdiana en Burela é a primeira comunidade inmigrante que temos no noso concello e foi tamén a primeira que se estableceu aquí e nós tentaremos axudar e colaborar no que se sexa preciso. En todo o que nos demande a Xunta aportaremos a nosa experiencia, os nosos coñecementos e o noso traballo”. Para o alcalde de Burela a reunión celebrada esta mañá “foi positiva. Asistimos Concellos que contamos con comunidade caboverdiana como Laracha, Teo, Redondela, Carballo e Burela, entre outros. É positivo que os Concellos que temos unha problemática similar derivada da presenza de poboación inmigrante esteamos en contacto para intercambiar experiencias e colaboración. Eu apelo á Fegamp para que a través da propia federación se establezan estes canles de colaboración, que ata o de agora eran practicamente inexistentes, para articular medidas en conxunto”.