Site icon Crónica3.com A Mariña

Fomento procedeu a repoñer o firme no acceso a Burela pola travesía municipal nun treito duns 100 metros

fomento-burelaBurela, 10 de decembro de 2013. O Ministerio de Fomento, a través da Unidade de Estradas do Estado en Lugo, procedeu á reposición do firme dun treito duns 100 metros de lonxitude na travesía municipal burelesa, xusto no límite dos concellos de Burela e Foz, segundo ven de anunciar o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle.

O edil popular dixo que “aínda que en boa medida o tramo reparado está xeograficamente en Foz nós xestionamos esta actuación desde o noso Concello porque soporta fundamentalmente tráfico de Burela, é dicir o que entra e sae da localidade, e está nunha zona de acceso á praia de Areoura. O firme estaba moi deteriorado, e procedeuse a reparalo con aglomerado en quente, cunha profundidade de cinco centímetros e medio, algo que garantirá un mellor estado do firme durante máis tempo do que ven sendo habitual”.

Fernández Valle sinalou que “Fomento tamén procedeu recentemente ao acondicionamento da variante de Burela da N-642 á altura do barrio de Vilar. Alí procedeu a acondicionar e limpar as cunetas co obxectivo de evitar inundacións coma a ocorrida hai uns anos”.

O concelleiro de Obras agradécelle “ao subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, a disposición e a dilixencia que tivo neste asunto, e ao xefe da Unidade de Estradas do Estado en Lugo, Narciso González, pola celeridade que se deron para solucionar estes dous problemas”.

Manuel Fernández Valle e o alcalde de Burela, José Mª González Barcia, visitaron esta mañá as obras de reposición do firme na travesía municipal.

Exit mobile version