O centro Cultural de Sumoas acolleu a 43 inscritos na tirada da Liga de Bolos de Xove, o mellor rexistro ata o momento. 11 foron participantes sub 18, 8 sénior feminina e 24 sénior masculino.
Liga Sénior Masculina
Cuarta vitoria e segunda consecutiva de Álex Meitín, o que lle permite conquistar o liderato, que ocupa con 70 puntos, 8 máis que José Rafael, quen nin sequera foi capaz de puntuar. Non nos extrana o de Alex Meitín, que xa despuntou na categoría sub 18 e agora está, e podemos afirmalo sen dúbida, deslumbrando nestas últimas tiradas. Xogador formado dende moi neno no noso campionato, agora comeza a recoller os froitos de todos eses anos. Ademais ten unhas condicións moi boas para práctica deste deporte, xa que ten uns brazos longuísimos, o que lle permite desprazar a bola con moitísima velocidade. Terceiro temos a Sócrates Campo con 51 puntos, que leva unhas últimas tiradas moi regulares, e xa sabemos, esta Liga ao final premia, sobre todo, a regularidade. Cuarto José Manuel Cociña con 45 puntos, conseguindo manterse nas posicións que dan acceso aos grandes premios finais. Quinto Francisco Pérez con 44 puntos, que perdeu a terceira posición debido a que non foi capaz de puntuar nas tres últimas tiradas; sen dúbida está atravesando un bache. Por detrás veñen Arturo Vigo, con 43 puntos e que está remontando, Jaime Álvarez con 41, Jose Vigo con 40, Cristian Rodríguez con 33 e Moisés Rodríguez con 30. A partires de aí xa se produce un corte, con xogadores con puntuacións moi alonxadas da cabeza. Como conclusión do remate da primeira volta, falaríamos dunha gran igualdade na cabeza, con dous xogadores (Álex e José Rafael) apuntando xa ao trunfo final.
Liga Sénior Feminina
A cuarta vitoria consecutiva xunto coa mellor bolada, fai que Belén Meitín se dispare na clasificación, a cal comanda comodamente con 47 puntos, 17 máis que Dolores Baño, segunda con 30. Hai que dicir a favor de Dolores que está xogando mermada fisicamente, de aí o seu baixo rendemento nas últimas semanas. Así e todo, Belén Meitín está despregando un xogo moi consistente, buscando con afán o que sería o seu primeiro título nesta Liga, despois de varios postos de honra nas últimas temporadas. Por detrás, Salomé Bermúdez con 23, Paula Campo con 21 e Concepción Piñeiro con 17 pelexan pola terceira posición. Rematada a primeira volta, temos polo tanto unha líder moi sólida, seguida por Dolores Baño, quen non debe descoidarse se non quer perder esa segunda posición, e varias xogadoras que inda poden optar a un segundo ou terceiro posto final.
Liga Sub 18
Novo cambio de líder; se a pasada semana fallou Daniel López, o que lle custou o liderado, esta semana fallou Salomé Cardoso, e perdeu tamén o liderado. Temos, polo tanto, un toma e daca entre Salomé e Daniel López que se van alternando na cabeza, con Isaías Cardoso á expectativa. A diferencia entre eles tres non é moi alta, e calquera cousa pode pasar de aquí a final de temporada. Máis atrás, aínda que non moi lonxe da terceira posición temos a Daniel Alonso e Miguel López con 22 puntos, e que, mellorando como están semana a semana, inda lle poden dar algún desgusto aos tres da cabeza. Rematada a primeira volta, unha das cuestións que máis satisfaccións nos dá é a participación nesta Liga, que está entre 9 e 11 inscritos practicamente tódalas semanas; a ver se seguimos así, xa que desta Liga depende o futuro dos bolos no noso Concello. O recambio xeracional é fundamental.
A vindeira tirada, a 10ª e primeira da segunda volta, vai ter lugar no CENTRO SOCIAL DE LAGO, O VINDEIRO SÁBADO, 14 DE DECEMBRO DE 2013. Polo tanto, a Liga descansa este fin de semana ponte da Constitución.
CAMPIONATO DE BOLOS DE CENTRO SOCIAL DE SUMOAS ( 30 NOVEMBRO 2013) 43 INSCRITOS: 24 NA LIGA SENIOR, 11 NA LIGA SUB 18 E 8 NA LIGA FEMININA | |||
CLASIFICACION | NOME | TANTOS | PUNTOS |
LIGA SENIOR | |||
PRIMEIRO | ALEX MEITÍN SERANTES | 249 | 12 |
SEGUNDO | ARTURO VIGO CASABELLA | 245 | 10 |
TERCEIRO | SÓCRATES CAMPO SUÁREZ | 226 | 8 |
CUARTO | ADÁN RODRÍGUEZ ROCA | 224 | 7 |
QUINTO | LUIS RANCAÑO BOUSO | 223 | 6 |
SEXTO | JOSE VIGO LAGE | 223 | 5 |
SÉTIMO | JOSÉ MANUEL COCIÑA RIVERA | 222 | 4 |
OITAVO | JAIME ÁLVAREZ FERNÁNDEZ | 222 | 3 |
NOVENO | CARLOS JAVIER RODRÍGUEZ CASABELLA | 219 | 2 |
DÉCIMO | CRISTIAN RODRÍGUEZ BAÑO | 215 | 1 |
MELLOR BOLADA | LUIS RANCAÑO BOUSO | 82 | 1 |
LIGA SUB 18 | |||
PRMEIRO | DANIEL LÓPEZ FERNÁNDEZ | 145 | 6 |
SEGUNDO | ISAIAS CARDOSO RODRÍGUEZ | 141 | 4 |
TERCEIRO | MIGUEL LÓPEZ FORMOSO | 111 | 3 |
CUARTO | SALOMÉ CARDOSO RODRÍGUEZ | 92 | 2 |
QUINTO | LAURA IGLESIAS MARIÑO | 77 | 1 |
MELLOR BOLADA | ISAIAS CARDOSO RODRÍGUEZ | 50 | 1 |
LIGA FEMININA | |||
PRMEIRO | BELÉN MEITÍN ROUCO | 108 | 6 |
SEGUNDO | CONCEPCIÓN PIÑEIRO | 95 | 4 |
TERCEIRO | PAULA CAMPO SUÁREZ | 77 | 3 |
CUARTO | SALOMÉ BERMÚDEZ BEN | 60 | 2 |
QUINTO | BRENDA SUÁREZ AZOGUE | 58 | 1 |
MELLOR BOLADA | BELÉN MEITÍN ROUCO | 38 | 1 |