Site icon Crónica3.com A Mariña

Cataluña e Escocia sempre serán da UE

CADERNOS DA VIAXE. Semella que o medo en Londres a un eventual resultado positivo no referendo escocés pola independencia, o 18 set 2014, está a medrar de xeito substancial, xa que doutro xeito non se entenden as mensaxes medoñentas, certamente desaqueladas, dos “prime ministers” Cameron e Rajoy avisando que unha Escocia independente podería non ser admitida na UE.

Escocia pertence á Unión dende hai 40 anos, Cataluña dende hai case 28. Os dous países, de se declarar independentes, manterán o cumprimento do Dereito europeo. Manterán o cumprimento da Convención Europea de Dereitos Fundamentais e cadanseu sistema democrático. Os seus cidadáns están afeitos á pertenza a Europa e non poden ser privados automáticamente da súa cidadanía europea. Os seus territorios insírense na continuidade dos sistemas de transporte europeos.

Xa que logo, ten razón o profesor en Oxford e na “European Policy Center”, Graham Avery: “por razóns políticas e pragmáticas os escoceses non poden ser expulsados da UE e obrigados a pedir a readmisión. De se aprobar en referendo a independencia, os Gobernos escocés e británico e as institucións europeas negociarán durante o periodo de transición a integración de Escocia na UE, ao abeiro dun procedemento simplificado que garanta que a Escocia independente pertenza dende o primeiro minuto á UE”.

Este prantexamento é trasladábel ao 100% a unha hipotética independencia catalá, que presenta problemas constitucionais internos, nunca europeos. De todos os xeitos, como ven de publicar este venres John Palmer no xornal londinense “The Guardian”, o eventual veto español ao dereito catalán a decidir remataría por constituir un grave problema para o propio Estado español.

As negociacións entre London e Edinburgh ou entre Madrid e Barcelona para executar unha eventual decisión catalá ou escocesa a prol de cadansúa independencia serán moito máis sinxelas a respecto da continuidade na UE (reasignar os dereitos de voto ponderado, o número de eurodeputados e comisarios de cada Estado e outras decisións instiutucionais) ca noutros ámbitos nos que cumpriría facer partixas. Por exemplo, para distribuir a débeda pública.

Xoán Antón Pérez-Lema

Exit mobile version