O ano Roberto Vidal Bolaño remata en Ribadeo afondando na obra dun dos dramaturgos máis lúcidos. ‘Anxeliños. Comedia satánica’ será posta en escena pola compañía ESPELLO CÓNCAVO. Un texto escrito en 1996 que conta con moita retranca as ruindades económicas e morais dunha sociedade de cobro de morosos. Un texto que podería ser escrito hoxe tomando como motivo a crise actual. Está protagonizada por Isabel Risco, Estíbaliz Veiga, Fernando Morán, Rodrigo Roel e Manu Fernández e dirixida por Arturo López. A súa representación terá lugar o domingo 15 de decembro no Auditorio Municipal de Ribadeo ás 20.30 horas cun prezo da entrada de 4 euros. O prezo reducido para persoas xubiladas, desempregadas ou estudantes será de 2 euros.