O circuíto está aberto a todos os torneos que teñan lugar no ámbito xeográfico das provincias citadas anteriormente e neles poderán participar todos os deportistas que o desexen, federados ou non, nacionais ou estranxeiros. As probas que formen parte deste campionato, que deberán ser anunciadas con, polo menos, 30 días de antelación, poderán ter calquera duración e un ritmo de xogo mínimo de 13`finish, e non computarán para campionatos oficiais.
Este proxecto deportivo xorde a partir das boas relacións que existen entre Lugo e Ferrol, as cidades máis dinámicas no que a xadrez se refire, e serve para materializar ese vínculo que existe entre as dúas urbes, así como para facilitar a integración organizativa de distintos eventos en torno a esta disciplina deportiva.
Neste sentido, Antonio Veiga insistiu “nas fortalezas que trae consigo o feito de que colaboren distintos clubs de distintos puntos de Galiza na posta en valor do xadrez como deporte” e lembrou que “en Lugo practícanse numerosas e moi diversas disciplinas deportivas, todas elas co apoio tanto desde a Deputación de Lugo, a través da área de Deporte, así como desde o Concello. O xadrez non ía ser menos, polo que estamos satisfeitos de apoiar unha liga anual que, de seguro, contará con vindeiras edicións”.
Coa posta en marcha desta iniciativa, desde a organización pretenden conseguir unha maior audiencia e participación no xadrez, atraendo a xogadoras e xogadores de todas as idades, para, entre outras cousas, salvar o feito de que a idade dos e das que practican este deporte adoita pasar dos 18 ou 20 anos aos 55.