O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, participou este sábado en Foz na entrega de trofeos ós participantes no maratón solidario de fútbol sala que, con carácter solidario, organizaron por segundo ano consecutivo os bombeiros que prestan servizos no Parque de Bombeiros de Barreiros, complexo do Consorcio Provincial integrado por Deputación de Lugo e Xunta de Galicia. De feito, tanto estes profesionais como todos os lucenses que colaboración na iniciativa amosaron un ano máis a súa solidariedade con menos favorecidos, participando activamente e colaborando de xeito desinteresado cos bombeiros organizadores do evento. De feito, a cantidade de alimentos recadados foi o dobre que a do pasado ano.
As actividades comezaron o venres, coa entrega de xoguetes e agasallos cedidos por negocios e particulares dos 10 Concellos ós que estes bombeiros dan cobertura. Tres profesionais que prestan servizos neste Parque, en representación do resto dos seus compañeiros, fixeron entrega dos xoguetes a todos os nenos ingresados na Unidade de Pediatría do Hospital da Costa de Burela, así como ó propio Hospital para facer uso deles nas instalacións do centro hospitalario. Os agasallos foron cedidos por establecementos mariñanos.
Alimentos por entradas
Finalmente, ás o sábado ás 9:00 horas arrincou no focense pavillón do colexio Martínez Otero o torneo benéfico de fútbol sala que enfrontou ós seis equipos participantes, formados por bombeiros, gardas civís e persoal do Grupos de Emerxencia Supramunicipal.
O público asistentes acudiu ó pavillón cos alimentos que entregaron a xeito de entrada para acceder ás instalacións. Os alimentos recadados serán entregados nos próximos días ós Servizos Sociais dos Concellos de Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto, que se encargarán de repartilos entre as familias máis necesitadas destes Concellos.
Ademais do público asistente ós partidos de fútbol sala, houbo negocios da Mariña que tamén quixeron colaborar cedendo alimentos frescos, que por motivos de conservación serán entregados directamente ós Servizos Sociais no momento do seu reparto. Finalmente, a partires das 18:30 horas chegou o momento da final e a entrega de trofeos, cedidos pola Deputación de Lugo.