Lugo, 27 de decembro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, lembrou esta mañá que “a pesares dos paus nas rodas, de toda a política autodestrutiva do PP e dos constantes ataques contra os nosos sinais de identidade”, a selección galega de fútbol disputará mañá en Lugo un partido contra a selección occitana, ás 8 da tarde, no campo do Polvorín, nun partido que estará rodeado de outros actos como unha manifestación previa reclamando a oficialidade das seleccións nacionais galegas, un xantar popular, un aberto de billarda ou unha serie de concertos ao remate do partido.
“É un feito importantísimo para Lugo que este ano se celebre aquí o partido da nosa selección, no campo histórico do Polvorín. De todos é sabido os motivos polos que o PP deixou de apoiar a partir do 2009 este evento. Detrás da escusa económica, o certo é que o PP mostrou a súa faceta máis ideolóxica e reaccionaria, e que aínda mantén, de destruír todo o que teña que ver co noso pobo, e así negou o apoio económico para a organización no Nadal dos partidos das seleccións galegas e comezou a presionar e poñer trabas para que estes partidos non se levasen a cabo” – remarcou Veiga.
Por todo isto, Veiga convidou a “todos os galegos e galegas a achegarse ao campo do Polvorín ás 8 da tarde para apoiar a nosa selección contra a de Occitania” e desfrutar, ademais do espectáculo deportivo, do ambiente reivindicativo e festivo que abranguerá a toda a xornada.
Veiga tamén quixo ter palabras de agradecemento para “os centos de afeccionados e afeccionadas que arroupan á selección e tamén aos colectivos organizadores do partido, en especial a Seareiras Galegas, por este incansábel traballo a prol dunha sinal de identidade tan importante para nós e para a normalidade dun país como son as nosas seleccións deportivas”.