Lourenzá, 11 de decembro de 2013. A asemblea de copropietarios para constituír a xunta xestora do monte de varas de Canedo celebrarase o vindeiro 10 de xaneiro de 2014 no salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá. O anuncio desta xuntanza foi publicado onte no Diario Oficial de Galicia.
A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, explicou hoxe que “despois de varias reunións mantidas aquí, na Casa do Concello, cos copropietarios do monte de varas de Canedo, que está afectado pola rede eléctrica Boimente-Pesoz que se está a construír, por fin o Diario Oficial de Galicia de onte, día 10 de xaneiro, anuncia, de conformidade co disposto na Lei de Montes de Galicia, a convocatoria para os posibles copropietarios da asemblea para constituír a xunta xestora do monte abertal As Louseiras, situado no barrio de Canedo deste concello. É para o día 10 de xaneiro ás oito e media da tarde, en primeira convocatoria, e ás nove da noite, en segunda convocatoria, de acordo a unha orde do día na que en primeiro lugar figura o acordo de constitución da xunta xestora e a aprobación dos estatutos; o segundo punto da orde do día é a elección dos membros integrantes da xunta xestora; o terceiro punto, solicitude de modificación catastral, posto que se detectou que non estaba ben delimitada esta parcela no catastro; e hai un cuarto punto, que é rogos e preguntas”.
A rexedora municipal tamén anunciou que “a información relativa a esta asemblea está dispoñible para consulta nas oficinas municipais en horario de 8 da mañá a 3 e media da tarde, para ver a relación dos partícipes do monte de As Louseiras que aínda non entregaron a documentación para saber se son copropietarios e tamén o modelo de estatutos e o de presentación de candidaturas, posto que hai que presentar unha candidatura para constituír esta xunta xestora e teñen como prazo ata o 8 de xaneiro do ano que vén nas propias oficinas do noso Concello”.
Emma Álvarez engadiu que “este é un paso máis cara a conseguir que este monte, que a día de hoxe está improdutivo, teña unha rendibilidade económica sostible e desta maneira non soamente poder cobrar a expropiación de Red Eléctrica senón tamén poder facer con eses cartos algo que sexa beneficioso para os copropietarios deste monte e tamén para toda aquela ladeira, posto que os veciños tiñan en mente aproveitar eses recursos para investilos en facer unha concentración parcelaria ou algún tipo de medida para conseguir que estes montes sexan máis rendibles”.