Resulta que desta volta non hai culpables que paguen polos danos causados pola traxedias medioambiental e socioeconómica do Prestige. Nin o ministro de Fomento daquel tempo, nin o presidente da Xunta de Galicia, nin o ínclito Arsenio Fernández de Mesa (primeiro voceiro do “gabinete de críse”), nin o seu sustituto (“O señor dos hilillos”), nin o armador, nin a axencia calificadora que certificou na “ITV” naval que o Prestige estaba “coma un buxo” e podería seguir sucando os mares sen problema algún.
Seica só a compañía aseguradora terá que pagar algo, de acordo coa sentenza: 22,7 millóns de euros. Menos dun 2% dos 1.260´8 millóns de euros que reclamou a Fiscalía e un 2´4% dos 948,8 millóns de euros que solicitaba o Estado, ou sexa, vostede e uns cantos millóns de persoas máis –coma eu- que pagando os nosos tributos termamos da estrutura estatal.
O Estado (ou seña: vostede, aqueloutro, eu …) foi quen adiantou o “noso” diñeiro para que cobrasen os colectivos de pescadores, recolledoras de berberechos, eta, que por forza maior tiveron que apandar e abandonar o seu traballo meses e meses.
A marea branca do voluntarios, nun dos mellores exemplos de solidariedade das últimas décadas, fixeron unha achega moi importante para a limpeza do noso mar, a area das nosas praias e as nosas rochas de beiramar. A compra do material para esa limpeza e outras necesidades tamén tiveron un custo para o Sector Público.
SENTENZAS XUDICIAIS QUE DESPRESTIXAN
Si que pagou nesta mesma semana os euros que lle fixou o xuíz na sentenza unha persoa que roubou un xamón, un tetrabick de viño, embutidos e algunhas latas de conserva nunca casa de San Cosme de Barreiros. O fiscal encargado do caso pediu ademais que lle impuxese o xuíz tres anos de cadea; ao final a sentenza foi dun ano de cárcere e o pago dunha indemnización monetaria.
Calculen cantos anos de cadea poderían sumar, se lles aplicasen a mesma vara de medir,a persoas físicas ou xurídicas que citei no segundo parágrafo deste artigo.
Implacable cos pobres (mesmo cos “de pedir); benevolente cos poderosos económica e socialmente!
Non lles é cousa só dos xuíces. Lembren o indulto no “tempo de desconto” do goberno presidido por Zapatero ao prestixioso banqueiro de primeiro apelido Sáez, ou anteriores “sustos” de Emilio Botín ou o banqueiro Ibarra, prócer do BBV. Mesmo, sen ir tan lonxe, a recente amnistía fiscal” para os cidadáns “exemplares” (por iso pagaron menos impostos que nós por ese diñeiro) que tiñan os seus cartos agachados en paraísos fiscais. Sen tetas tamén hai paraísos, nos que branquear mellóns de euros da economía somerxida.
A sentenza do Prestige foi vergoñenta, desas que desprestixian, ao meu xuízo, á auténtica xustiza, anque os que diten o “Fallo” (ou erro) atopen algúns argumentos xurídicos nos que apoiarse.
A diferenza de o que ocorreu en todos os accidentes marítimos dos últimos corenta años (Urquiola, Mar Exeo, Erika…..) desta volta, quen contaminou non paga. Alomenos, nesta primeira volta. Veremos que ocorre na segunda!
Manuel Roca Cendán.