Foz, a 20 de novembro de 2013.- O BNG de Foz, dentro das alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, vai a propoñer que se actúe sobre terreos sen edificar para dar solución a ausencia de aparcamentos, zonas de ocio e zonas verdes que ten o pobo.
Para o BNG, o Concello de Foz caracterizouse por unha política urbanística, aplicada polos diferentes gobernos tanto do PP como do PSOE, que non buscou o interese xeral e permaneceu ao marxe da función social que deben cumprir as plusvalías que xera a actividade urbanística.
O BNG, para paliar esta deficiencia estrutural do urbanismo en Foz que veu como consecuencia, como dixemos, de gobernos municipais que se despreocuparon destes aspectos, dentro das alegacións a realizar ao Plan Xeral fará propostas que actúen sobre terreos sen edificar e que actualmente pertencen ao Sareb (o chamado “banco malo”) onde se inxectaron miles de millóns de cartos públicos para “lavar” os tóxicos inmobiliarios da banca.
Finalmente, o BNG volve a manifestar que un novo planeamento urbanístico debe partir de concepción de que o interese xeral está por riba dos intereses particulares e que ten a obriga de ordenar o territorio dando resposta aos problemas centrais dos veciños e veciñas que no caso de Foz son o acceso á vivenda, as zonas dotacionais como aparcadoiros e zonas de ocio colectivo e as infraestruturas, sobre todo sociais e comunitarias como a Residencia e o Centro de Día, das que falaremos noutra ocasión.