Site icon Crónica3.com A Mariña

Nunca Máis chegará até o tribunal europeo de Estrasburgo para denunciar a aldraxe do Prestige

A xestora de NM reunida este martes en Compostela decidíu por unanimidade apresentar recurso de casación perante o Supremo español pola sentenza da Audiencia da Coruña que deixa sen culpábeis á meirande catástrofe ecolóxica da historia recente de Europa.

Este pasado 13 de setembro, un xuízo monocasco de 11 anos de antigüidade e máis de 11.000 folios afundíu perantes as costas galegas provocando unha marea negra de 77.000 toneladas de impunidade. Sen responsábeis, sen culpábeis… Un verdito que retrta perfectamente a xustiza dun estado que a partires de agora será tamén o buro negro de Europa, un reino da impunidade no que petroleiras sen escrúpulos e políticos imcompetentes poderán lixar o que queiran, sen custo económico nen político.

A hipocrisía da administración galega e do estado non ten límites: Láianse agora (coa boca pequena) de que o fallo non vai permitir resarcir os enormes danos causados pola marea negra e anuncian recursos. Mais foron eles, a fiscalía e a advogacía do estado, os que non permitiron a imputación do entramado empresarial (principalmente a clasificadora ABS) que puxo fronte ás nosas costas a unha chatarra flotante cargada de veleno.

Nunca Máis entende que as responsabilidades dunha catástrofe ecolóxica que puxo en perigo a saúde dos cidadáns e do ambiente nas costas de tres estados europeos (e a consecuente vulneración dos dereiros á saúde e a un ambiente san de milleiros de persoas) deben ser dirimidas no Tribunal de Xustiza de Estrasburgo.

Non acreditamos na xustiza do estado español que, nunha sentenza sen precedentes, deixou impune a meirande catástrofe ecolóxica acontecida en Europa en épocas recentes, e por iso imos chegar até as últimas instancias. Mais tan importante como o traballo xudicial é a mobilización social. Nunca Máis convoca a toda a cidadanía de ben a saír de novo á rúa este vindeiro 1 de decembro a celebrar, nun ton reivindicativo mais tamén festivo, unha bulra da farsa que supuxo este xuízo e do eloxio á impunidade que constituíu a sentenza.

Exit mobile version