Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta Electoral da Cámara de Lugo constituíuse con 3 representantes do órgano tutelante e 3 do electorado

Lugo, 20 de novembro de 2013.- Este mércores constituíuse en Lugo a Xunta Electoral da Cámara de Comercio, dentro do proceso electoral para restituír os órganos de goberno deste organismo. Tal e como marca a normativa, forman parte da Xunta Electoral tres persoas designadas polo órgano tutelante, e tres persoas representantes do electorado das cámaras, estas últimas escollidas por sorteo.

A finalidade destes organismos, segundo se recolle no decreto que regula as eleccións nas cámaras de comercio, é garantir a transparencia e a obxectividade de todos os procesos electorais. Entre as súas funcións están, entre outras, comprobar o cumprimento dos requisitos esixidos para a presentación de candidaturas; proclamar ás persoas candidatas; custodiar os votos recibidos por correo ou designar, mediante sorteo, as persoas electoras que deben formar as mesas electorais e as súas suplencias; así como verificar o resultado das eleccións e declarar as persoas candidatas elixidas. O cargo de presidente e secretario corresponden a representantes do órgano tutelante, mentres que o resto de membros da Xunta Electoral actúan como vogais.

Dentro do proceso electoral para restituír os órganos de Goberno da Cámara lucense, permanece aberto ata o 28 de novembro o prazo de presentación de candidaturas. A elección dos vogais mediante votación terá lugar o vindeiro 9 de xaneiro de 2014, día no que os colexios electorais permanecerán abertos entre as 9:00 e as 21:00 horas, mentres que a elección dos vogais elixidos polas organizacións empresariais terá lugar o 14 de febreiro de 2014.

Exit mobile version