Dentro da súa programación para escolares o Barco Muralla estará os días 15 e 16 de outubro no CEIP Antas de Ulla. Coa chegada do curso escolar, a institución provincial ofrece a todos os colexios lucenses a posibilidade de contar con esta actividade programada para alumnos dende infantil ata 6º de primaria. Na súa visita os escolares realizan actividades adecuadas á súa idade que inciden na importancia de preservar toda a riqueza natural da provincia. O Barco Muralla tamén achega ós nenos dous símbolos da provincia: a Muralla romana e a Mariña, gran recurso natural aínda descoñecido para moitos dos rapaces do interior.
A instalación está totalmente ambientada como os barcos da Mariña, con material e mobiliario náutico que, de xeito gratuíto, cederon as confradías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro. No seu interior, o Barco Muralla, ofrece material informativo sobre as Reservas da Biosfera e sobre iniciativas empresariais ou formativas relacionadas co medio ambiente. A Fundación Tic, organismo dependente da Deputación, foi a encargada de editar os vídeos que amosan todo o potencial medioambiental da provincia.