Site icon Crónica3.com A Mariña

O vindeiro mércores pola tarde comezarán as obras de remodelación dun treito da rúa Ramón González de Ribadeo

Ribadeo, 14 de outubro de 2013. O vindeiro mércores pola tarde darán comezo as obras de remodelación dun treito da rúa Ramón González, segundo acaba de anunciar o alcalde, Fernando Suárez. O investimento ascende a 110.000 euros, que financian entre a Consellería de Economía e Industria e o Concello ribadense.

O rexedor municipal anunciou hoxe o “inminente inicio das obras de rehabilitación dunha parte importante da rúa Ramón González. Hai que ter en conta que nestes últimos anos foron innumerables as rúas, espazos públicos e avenidas que fomos cambiando, transformando para ben e hoxe en día Ribadeo é un sitio moi atractivo e valorado por todo o mundo: polos que viven aquí e polos que nos veñen visitar”.

Suárez Barcia sinalou: “sabemos das circunstancias económicas adversas e agora as rúas non se arranxan dúas ou tres cada ano senón que igual se fai media, como é o caso do que estamos falando agora. Vamos facer unha primeira parte da rúa Ramón González, concretamente desde o encontro coa rúa Deputación e San Lázaro ata unha parte intermedia, onde está a Panadería de Lola aproximadamente. E se todo vai ben para o ano que vén remataríase con outra fase: desde aí xa ata o final, ata o encontro coa avenida de Galicia e José Vicente Pérez Martínez”.

Para o alcalde ribadense “a esta rúa Ramón González faille moita falta, ten un pavimento moi degradado, perigoso, unhas beirarrúas moi estreitas e perigosas tamén; de feito no pasado ten habido algunha caída dalgún peón que paseaba por aí. E agora vamos aproveitar non soamente para cambiarlle o pavimento, poñerlle alumeado público e algunhas árbores senón tamén para ir modernizando as instalacións soterradas existentes, como abastecemento de auga, saneamento, os cableados de enerxía eléctrica, telefonía e telecomunicacións, tendo en conta que moitas destas instalacións estaban nunha situación limite debido ao paso do tempo”.

O rexedor rematou comentando que “seguro que por moi ben que o faga a empresa contratista vai haber molestias: seguramente algúns días chova, noutras ocasións haberá po e ruídos. Pero pídolles aos veciños que o acepten de bo grao porque despois, unha vez que as obras estean rematadas, o cambio da fachada da rúa é absolutamente para moito mellor e estamos convencidos de que esta parte de rúa que a día de hoxe non ten demasiado comercio dentro de moi pouco tempo será unha das rúas máis importantes desde o punto de vista comercial de Ribadeo, sen dúbida”.

A duración estimada das obras é de mes e medio, segundo lles comenta o alcalde, Fernando Suárez, aos veciños da rúa Ramón González, nunha carta que lles enviou este luns.

Exit mobile version