Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela acaba de substituír as luminarias de dúas zonas da vila

luminariasBurela, 24 de outubro de 2013. O Concello acaba de substituír as luminarias de dúas zonas da vila, medida coa que aforrará a metade da electricidade consumida ata o momento e que obrigaba a manter apagados algúns puntos de luz. O investimento ascendeu a 43.000 euros, procedentes dunha subvención da Xunta. O concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, subliñou que “o Concello só tivo que costear 6.000 euros para levar adiante o cambio de 90 luminarias”.

O edil de Obras dixo que “o actual equipo de goberno do PP está empezando a reparar os desaguisados que en materia de alumeado nos deixou o bipartito, que gastara case 800.000 euros en farolas e na inmensa maioría dos casos non reportaron ningún tipo de aforro enerxético. Se no seu momento se substituíran luminarias, como comezamos a facer agora, probablemente estaríamos falando doutra cousa e non de desfacer os desaguisados que os anteriores gobernantes nos deixaron”.

Fernández Valle explicou que “en concreto nestes últimos días fíxose a reposición dun total de 90 luminarias: 44 na zona de Vilar e 46 no ámbito da rúa do Ril, que é onde está un dos contadores de subministro eléctrico que temos en Burela. Nos dous casos substituíronse luminarias de 100 vatios de potencia de vapor de sodio e no seu lugar colocáronse lámpadas de 50 vatios de potencia de haloxenuros metálicos. Con isto na zona de Vilar vaise aforrar practicamente a metade do que se estaba gastando ata agora, con todo o alumeado acendido. E na zona da rúa do Ril recuperouse todo o alumeado, acendéronse as 46 luminarias na súa totalidade e vaise aforrar diñeiro, porque se pasa dunha potencia de 100 vatios a 50”.

O concelleiro popular sinalou que “isto é o que estamos facendo a partir de agora no Concello de Burela porque o feito durante a época do anterior goberno municipal non serviu practicamente para nada. Conseguimos unha subvención da Xunta de Galicia e a inversión total ascendeu a 43.000 euros, dos que o Concello tivo que aportar pouco máis de 6.000 euros. Consideramos que esta axuda é importante e, desde logo, en próximos anos vamos continuar solicitándoa porque é unha axuda rápida, en contra do que ocorre coa Deputación de Lugo porque as do organismo provincial para a substitución de luminarias polo que estamos vendo na prensa soamente se está facendo con concellos que teñen equipos de goberno próximos ao bipartito da Deputación e os demais estamos quedando todos esquecidos”.

Para Manuel Fernández Valle “este é o primeiro paso para recuperar o cen por cen do alumeado existente en Burela, que nos vai levar o seu tempo, pero estase facendo con racionalidade pois estanse substituíndo lámpadas dun gran consumo por outras de menos consumo e que manteñen a mesma luminosidade; é dicir, non se nota practicamente a diferenza entre as de antes e as de agora en canto á capacidade lumínica, pero pola contra estamos aforrando practicamente o 50 por cento de consumo nestas dúas zonas. Ata agora a única fórmula de aforro que podíamos facer era apagar lámpadas, pero a partir de agora vamos substituír as luminarias de alto consumo por outras que consumen menos, como estas que pasan de 100 a 50 vatios. É a formula que pensáramos sempre que había que usar para levar a cabo un aforro enerxético.

E lembrou que “no seu momento o bipartito optou por colocar farolas de deseño, que no caso das da avenida de Arcadio Pardiñas, por exemplo, se lles tocas caen ou dóbranse. E non se optara por rebaixar a potencia. Polo tanto a partir de agora cremos que entramos no bo camiño, que é o de recuperar o cen por cen do alumeado, o que iremos facendo pouco a pouco e contendo o gasto reducindo a potencia das lámpadas”.

O alcalde, José Mª González Barcia,e co concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, visitaron esas zonas nas últimas horas.

Exit mobile version