Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG chama a unha batalla social para paralizar a entrada en vigor do copago no caso dos doentes crónicos

Lugo, 16 de outubro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego compareceu na xornada de hoxe nunha rolda de prensa no seu local comarcal de Lugo, coa presenza dos membros da Executiva Nacional da organización Goretti San Martín e Bieito Lobeira; o deputado lucense no Parlamento Galego, Cosme Pombo; os responsábeis comarcais da Mariña, Lugo Centro e Lugo Sul; así como os alcaldes de Monforte, Severino Rodríguez, de Ribadeo, Fernando Suárez, de Riotorto, Federico G. Estoa, e os tenentes de alcalde da Pobra de Brollón, Ricardo Rodicio, de Mondoñedo, Xusto Fernández Haro e da Pastoriza, Elva Carreira; e o portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Mario Outeiro e o deputado na mesma, Antonio Veiga.
O deputado lucense no Parlamento Galego, Cosme Pombo, sinalou que os nacionalistas están a presentar na totalidade das institucións onde teñen representación “unha iniciativa na que solicitamos instar á Xunta de Galiza a que paralice a entrada en vigor da Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, pola que se procede a modificar as condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a asignación de achega do usuario e demandar do Goberno do Estado a derogación da resolución recollida no BOE do 10 de setembro que establece a obrigatoriedade da achega do usuario para as patoloxías e a carteira de medicamentos fixadas na referida resolución. Agardamos que a presión social obrigue ao PP a dar marcha atrás”.

Nesta liña Pombo afirmou que “a decisión do goberno significa cruzar todas as liñas vermellas xa que pretenden cobrar por medicamentos como Afinitor o el Tyverb utilizados para retrasar o cancro de mama, o Votrient ou Temodal utilizados para o tratamento do cancro de riñón e os tumores cerebrais respectivamente, a máis doutras medicacións como LCM prescritos para a leucemia mieloide crónica, o tratamento de tumores malignos non resecabeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a hepatite c crónica. En definitiva estamos diante dun goberno sen alma que non coñece a palabra humanidade e que con decisións deste tipo non fai outra cousa que retratarse ou deixar claro que só goberna para os rico. Non pode ser máis clarificador do esquema mental deste Goberno as palabras do vicepresidente do Goberno Galego, o Sr Rueda, ou do alcalde de Ferrol e presidente da FEGAMP, o Sr Rei, que consideraron unha cuestión menor prestar estes servizos aos cidadáns porque á marxe de tratarse dunha canallada demostra que carecen de corazón, sentimentos e humanidade.”

A secretaria de Estratexia Municipal do BNG, Goretti Sanmartín, sinalou que “é o momento de dar unha grande batalla social que obrigue a Xunta de Galiza a paralizar esta decisión, como xa se ten feito noutros territorios, algúns tan próximos a Galiza como Asturias e Castela-León con gobernos nalgún caso das mesmas siglas que o galego. En definitiva tócanos a nos dar esa grande batalla social que garanta que a sanidade en Galiza vai seguir a ser algo universal e gratuíto. Non hai posibilidade de mellorar o presente, de dotar ao noso pobo duns estándares mínimos de calidade de vida se non somos quen de enfrontar a axenda da Xunta que é a mesma que ao do capital. É intolerábel un goberno que cando enfermas, mesmo de doenzas crónicas da gravidade das que estamos a falar, aínda por riba imponche unha a xeito de copago. É máis esta decisión non se xustifica mesmo desde a perspectiva do aforro para os orzamentos públicos, algo que recoñeceu o presidente da Xunta, o problema está en que o presidente da Xunta está nunha cruzada contra a sanidade pública e tanto lle ten que lle poida acontecer a unha persoa que careza de medios económicos”.

Nesta liña, Goretti afondou que “estas políticas de repago teñen unha incidencia moi especial en Galiza dado que o noso país se atopa á cola tanto no que son os salarios como as pensión. Por conseguinte todo aquilo que represente un copagamento repercute directamente na renda das persoas, diminúe o poder adquisitivo e opera como un elemento que grava a situación económica a dous niveis: primeiramente á das persoas, posto que dificulta que poidan facer fronte a gastos necesarios da súa vida; pero tamén afecta á economía de xeito directo ao consumo”.

Federico Gutiérrez Estoa, primeiro alcalde de Galiza en defender que o seu concello asumiría o pago destes medicamentos para que non o tivesen que facer os seus veciños e veciñas, explicou que “non hai dúbida que a decisión responde a unha política totalmente antisocial e inxusta, coherente coas formulacións neoliberais, que deixa desprotexidos a pacientes con patoloxías graves ou crónicas que xa pola súa enfermidade teñen o seu poder adquisitivo reducido e que, ademais, xa consumen outros medicamentos sometidos a copago, e que deixan de tomalos poñen en grave risco a súa vida”. O alcalde nacionalista de Riotorto afirmou que “non teño dúbida algunha que a grande a maioría da sociedade, isto é, esa grande maioría de xentes de ben, non podemos dar por boa unha proposta que deixa fora do dereito a saúde a homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo, pero hai máis porque tamén esa grande maioría de xentes de ben, temos unha responsabilidade coa nosa sociedade de hoxe e coa sociedade que lle imos deixar en herdanza aos nosos fillos”.

Estoa lembrou que se está a convocar unha xuntanza de todas as entidades sociais e representantes políticos para o vindeiro 26 de outubro ás 11 da mañá na Casa da Cultura de Riotorto para artellar cales van a ser as medidas a tomar para enfrontarse a esta grave cuestión.

Exit mobile version