Site icon Crónica3.com A Mariña

Fundación TIC amplía a alumnos de secundaria o seu programa de TICodiarios para promover as novas tecnoloxías

A Fundación TIC amplía a alumnos de secundaria o seu programa de TICodiarios despois do éxito acadado a tempada pasada na que participaron 17 colexios. Deste xeito, a iniciativa dirixirase a estudantes de máis de 70 centros de educación primaria e secundaria da provincia, que realizarán visitas guiadas ás instalacións da TIC e participarán activamente na elaboración dun informativo. Para atender a nova demanda, tamén se ampliará a mércores e venres os días da semana que se levará a cabo esta iniciativa.

Os TICdiarios forman parte do programa de visitas ás instalacións da Fundación que teñen por obxectivo abrir as súas portas á sociedade lucense e achegar o uso das novas tecnoloxías ós habitantes da provincia. Neste caso, os destinatarios son rapaces e mozos que poderán coñecer o traballo que desenvolve a TIC así como os ciclos de Realización e Produción que imparte a Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia con ensinanzas superiores da rama audiovisual.

Protagonistas dun informativo de televisión
Durante a visita, os rapaces coñecerán de preto o traballo diario dun estudo de televisión –como a produción, edición, realización e posprodución de audiovisuais-, o que lles permitirá coñecer polo miúdo as instalacións da Fundación.

No caso dos estudantes de secundaria tamén realizarán un informativo con noticias reais, información meteorolóxica e unha enquisa con temas do seu interese. Os de primaria continuarán cun TICodiario máis desenfadado e vídeos elaborados por alumnos da EIS. Ó final da xornada, cada un deles levará para casa unha copia do TICodiario.

O primeiro informativo da tempada gravarase o mércores día 16 e serán os alumnos de segundo curso de Bacharelato do Instituto Xograr Afonso Gomez, de Sarria, os encargados de realizalo. Os centros interesados en participar deben poñerse en contacto coa TIC a través do número de teléfono 982 284 667.

Exit mobile version