Desde a Plataforma de Emigrantes Retornados da Mariña acúsase ao Goberno que preside Mariano Rajoy “de tratar aos emigrantes retornados como delincuentes. Mentres aos defraudadores, profesionais da fraude e multimillonarios, se lles conceden amnistías fiscais, ás persoas honestas que tivemos que abandonar o país en busca dun futuro mellor, o Partido Popular imponnos multas abusivas e inxustas.”
Para os emigrante retornados desta comarca lucense “a lei non se aplica igual para todos; aos ricos aplícaselle con máis benevolencia e aos que vivimos dunha pensión conseguida tras décadas de esforzo, o Goberno aplícanos todo o peso da lei. É hora de que o Goberno cese as multas contra nos, é hora de que se paralicen as sancións e os intereses de demora abusivos, é hora de demandar un mesmo trato fiscal para aqueles que nos gañamos a nosa pensión na emigración que no país, en definitiva, todo isto será coa nosa unidade e coa nosa loita. Só coa presión popular conseguiremos que o Ministerio de Facenda modifique a Lei do IRPF de 2006.”
A Plataforma de Emigrantes Retornados da Mariña amósase confiada de poder resolver este conflito a través da xustiza en canto “as últimas decisión xudiciais abren unha nova fronte de loita que debe ser reforzada pola mobilización social, a fin de presionar e facer efectiva unha resolución xusta. Son tempos de loita, de seguir sumando apoios e de manternos unidos, xa que este vai ser o camiño para obrigar ao goberno do Estado, e de xeito moi particular a Axencia Tributaria, a mudar de posición paralizando as sancións e definindo un mesmo modelo de tributación para os emigrantes con independencia da orixe das rendas das súas pensións.”