Cervo, 24 de outubro de 2013-Un ano máis a Concellería de Cultura, que dirixe Begoña Alonso, pon en marcha unha iniciativa para fomentar o uso da Biblioteca Pública entre os nenos e nenas de infantil e primaria coincidindo co Día Internacional da Biblioteca. En concreto, o Concello editará carnés infantís cun deseño especial, máis colorido e atractivo, co obxectivo de captar novos socios como forma de crear un maior vínculo dos nenos e nenas coa Biblioteca.
Para difundir mellor esta acción, a Concellería distribuíu follas de inscrición nos centros escolares do municipio. Así, para obter o carné, haberá que entregar a folla cuberta na Biblioteca de San Cibrao ou ben no Punto de Lectura de Cervo. Hai que destacar que está acción non está dirixida só a novos socios, senón que os nenos que xa teñan o carné habitual da biblioteca poden cambialo por este especial.
Este é o segundo ano que o Concello leva a cabo esta medida que ademais de incrementar o número de socios busca achegar ao público infantil á biblioteca, así como chamar a atención sobre este servizo gratuíto e poñer o foco sobre os libros e a lectura.
A delegación de Cultura lembra que entre os dous centros do municipio existen máis de 3.000 títulos de infantil e xuvenil, polo que os nenos e nenas teñen unha ampla oferta para elixir aqueles libros que máis se adaptan aos seus gustos ou necesidades. En canto ao número de socios de todas as idades, entre ambos centros ascenden a 600.
Este xoves o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Cultura estiveron na Biblioteca de San Cibrao para presentar esta segunda campaña de captación de usuarios que non se limitará a este día e que continuará vixente durante todo o ano. Alonso convidou aos nenos e nenas, e ao público en xeral, “a consumir libros, a consultarlos, a utilizar la biblioteca y en definitiva, a leer como una actividad con múltiples beneficios”.