Así mesmo, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valora moi positivamente a participación de máis de 1.000 persoas na concentración e posterior manifestación que tivo lugar en Burela a mediodía. Na manifestación, que percorreu as rúas céntricas de Burela, participaron tanto pais e nais, como alumnado de primaria e secundaria así como profesorado chegado de todos os centros da Mariña, desde Ribadeo ata Viveiro. Durante toda a marcha escoitáronse berros contra a reforma educativa do PP e a favor dun ensino público galego, gratuíto e non discriminatorio.
Dores salientou que “hoxe conflúen a folga do profesorado, o paro convocado polas organizacións estudantís e a solidariedade dos pais e das nais. Unha folga que afecta a todos os niveis educativos e nos que o paro foi secundado pola totalidade da comunidade educativa”.
Ao final da manifestación, na Praza do Concello, cantáronse algunhas coplas contra a Lomce e leuse o Manifesto onde se reclama a retirada da lei por ser un atentado a un servizo básico e a un dereito fundamental como é o dereito é educación, por ser unha lei privatizadora, españolizadora, selectiva e elitista e que mesmo despreza ao profesorado, a coeducación e a xestión democrática dos centros.
Por todo isto, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público afirma que ao Goberno só lle cabe unha saída: a retirada da lei, posto que é unha lei que nace morta pola grande oposición que desata en toda a comunidade educativa, como se comprobou no día de onte.