Suárez Barcia explicou “nestes días por fin se están a executar estas obras de urbanización dunha rúa importante para o ámbito urbano de Ribadeo que vai levar o nome de Irmáns Suárez Couto. É un vial paralelo á avenida Rosalía de Castro e transversal coa estrada da Lodeira e que é produto dunha serie de edificios que se estiveron a facer estes anos”.
O alcalde dixo que “isto do que agora falamos non debería ser noticia, é mais debera ser natural, pero non foi o que se estilou nestes últimos anos e estoume a referir aos últimos dez ou doce anos, onde contrariamente ao que a norma marca as urbanizacións públicas, os viarios, as beirarrúas, etc, deben ser feitas antes ou simultaneamente á execución deses edificios, pero aquí en Ribadeo coma en tantos outros sitios, aínda que eu falo do que me corresponde, isto non se estilou. Logo veu a crise e moitas das obras privadas ralentizaron moito a súa construción e todo esta obra pública quedou pendente”.
Fernando Suárez sinalou que “os veciños de toda esa zona esperaron e desesperaron non sei durante canto tempo e agora desde o Concello levamos varios meses traballando de maneira intensa cos promotores advertíndolles que isto non pode ser así e que isto tería que estar feito antes e agora o menos que poden facer é realizar os traballos tal e como o están a facer. Estano a facer ben e alégrome de que así sexa. A ver si agora, por fin, aquí en Ribadeo entran normas mínimas de urbanidade do que debera ser unha vila moderna, como queremos que sexa”.
O alcalde ribadense insistiu en que “estas cousas que veñen dadas do pasado desta maneira temos que tentar resolvelas, tal e como estamos a facer agora. Nas vindeiras semanas descubriremos a placa nesta rúa que levará o nome de Irmáns Suárez Couto, tal e como acordou o pleno da Corporación Municipal de Ribadeo de xeito unánime”.
E engadiu que “estas obras céntrase na urbanización dunha rúa duns 15 metros de ancho por uns 100 de longo e tamén se está a amañar o antigo Camiño Real da Lodeira nun treito que ata hai poucos días aquilo era unha poeira, chea de baches, que xerou moitas queixas dos veciños e que agora pinta doutra maneira e é un lugar agradable para vivir, non como ocorría ata o de agora”.