Site icon Crónica3.com A Mariña

Quintáns, un xerente que combina a falta de experiencia xestora coa ousadía

Carme Aira Díaz.- En vista das reaccións da Xerencia ante a nota de prensa enviada por este sindicato, o pasado luns, temos que dicir o seguinte:

-Esta Xerencia practica a mentira e o insulto porque non ten argumentos cos que defender as súas prácticas.

-Saberá o Xerente que mente cando di que fixo 500 contratos máis na Primaria que o ano pasado (xa que non conta que é doado facelos se son de media xornada ou de un día e nin así dan as contas), seralle regalado saber se o que di este sindicato é certo só con dignarse, ou rebaixarse, no seu caso, a falar co persoal.

-Saberá tamén que cando insulta a unha representante dos traballadores/as, e xa non é a primeira vez que o fai, está insultando ao persoal mesmo, xa que este elixiuna para que o representara, moito me temo que este Xerente queda en evidencia cando nos insulta e o seu “gabinete de prensa”, tamén. Amigo, se nos segues a facer o traballo, algún rédito conseguiremos…. Tarde ou cedo.

-Este sindicato non desprestixia ao Hula (tódolos membros da CIG-Saúde viven del e traballan nel), estamos orgullosos/as da súa arquitectura, do seu contido, dos seus traballadores/as, da asistencia que prestamos cos recursos humanos que esta dirección malamente nos deixa.

-Este sindicato ten intereses políticos claros, defínese nos seus estatutos (que son públicos e legais) como un sindicato nacionalista, de clase e cunha única lingua: o galego. Así, non podemos por máis que considerar a súa afirmación sobre os nosos intereses políticos como simplista en extremo.

-Os cadros deste sindicato son electos pola súa afiliación. Os cadros desa Xerencia son postos a dedo por dirixentes políticos de turno, neste caso do PP, e a estes lles renden pleitesía e obediencia, falamos desta Xerencia en concreto, xa que algún non pode presumir de currículo pero si pode presumir de amigos.

Por último, dicirlle a este noso Xerente, que non desvaríe, que recoñeza que o aforro que practica, por designio divino, é a conta de prestarlle un servizo minguado á poboación e á conta de reducir persoal, déalle vostede o verniz que queira. En todo caso as súas declaración aparte de falsas parécennos servilistas en exceso, cando nós servimos aos nosos compañeiros e compañeiras e á Sanidade Pública, polo tanto, non calaremos por máis que se nos insulte.

Señor, o prestixio deste sindicato non está en entredito, só ten que preguntar a quen traballa con vostede neste hospital, que agora seica denigramos, vostede teno todo por demostrar aínda…. Moito me temo que a nosa desconfianza sobre o seu rendemento é plena, demóstrenos o contrario, estámolo esperando. Se quixer dicirnos algo directamente sabe onde atoparnos, compartimos, iso si, como vostede, despacho prestado no HULA.

Ata a próxima, Señor…

Atentamente, un saúdo

Carme Aira Díaz, Secretaria Comarcal da CIG-Saúde Lugo-A Mariña

Lugo, a 25 de setembro de 2013

Exit mobile version