Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alto do Cruceiro acolle unha nova edición da Festa do Ramo

A Comisión de Festas de Xuances, formada por Onofre Louzao, Javier Rivas, Iago Eijo, Francisco Sánchez e Rubén Sánchez, organiza por sétimo ano consecutivo – e despois de recuperala despois de 16 anos sen celebrarse- a FESTA DO RAMO, a cal vai ter lugar no Alto do Cruceiro o venres, 4 de outubro e o sábado 5 de outubro.

O campo do Alto do Cruceiro atópase ao lado da estrada Viveiro-Ribadeo, polo que o acceso á mesma é moi fácil e sinxelo. “Aínda que desexamos con todas as nosas forzas ter uns bos días climatolóxicos, pode pasar que non sexa así, e prevendo isto, a Festa vaise celebrar baixo unha carpa; polo que, de todas formas, imos estar a cuberto de inclemencias climatolóxicas. E para unha maior comodidade dos nosos visitantes, dispoñemos de amplos aparcamentos no entorno do campo da festa”.

En canto ao amplo programa de actividades, destacamos a celebración, na súa SÉTIMA EDICIÓN, da FESTA DOS CALLOS o venres, 4 de outubro. Trátase, loxicamente, dunha festa gastronómica, dun produto tan noso como son os callos, e a proposta que lles facemos aos asistentes consiste no seguinte: os participantes, pola módica cantidade de 5 €uros, van poder degustar dunha abundante ración de callos, pan e un viño. En total temos preparadas máis de 1.000 racións, que esperamos que se esgoten. Para conseguir estas racións, no mesmo lugar da festa imos ter un posto onde os visitantes van poder adquirir tickets por valor de 5 €uros, os cales despois cambiarán polas conseguintes racións de callos. Co estómago ben cheo, remataremos a Festa cun bo programa de baile a partires das 10 da noite, baile que estará amenizado pola orquestra “SAUDADE 73″.

En canto ao programa de actividades do sábado, 5 de outubro, temos:
-13:00 horas: Misa Solemne e Procesión, que van contar cunha coral e os gaiteiros de Saiñas de Xove.
-14:00 horas: Sesión Vermú a cargo do “GRUPO ISLA”.
-18:00 horas: Partido de Fútbol de Solteiros contra Casados ao lado do Campo da Festa.
-22:00 horas (10 da noite): Verbena coa orquestra “SOLARA” e “GRUPO ISLA”.

Por último, a Comisión quere darlle as gracias a tódalas persoas, institucións, empresas, etc. que desinteresadamente colaboran coas nosas Festas, agradecemento que queremos sexa especial para tódolos nosos veciños.

Exit mobile version