Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA critica que “a recuperación da natureza afectada polo lume estea en mans dun acusado de delicto ambiental”

A catástrofe do Pindo amosou o absoluto abandono da nosa natureza e o desleixo dos responsábeis. Co conselleiro agochado, a directora xeral de baixa e o subdirector de ferias, o medio ambiente fica nas mans dun xefe provincial acusado pola Fiscalía.
O Monte Pindo, metáfora do abandono institucional da natureza galega.

As medidas de recuperación dos espazos afectados polo lume, nomeadamente o Monte Pindo, e as actuacións para conter a erosión e evitar os arrastres e a perda de solo fértil xa tardan.

A Xunta tivo tres anos esquecido ao Monte Pindo opoñéndose ás demandas cidadás para a súa protección efectiva e posta en valor. Agora, logo dunha destrución anunciada, semella que agarda a que a chuvia apague o conflito ambiental e dilúa as súas responsabilidades tanto na catástrofe como na posterior rexeneración.

O abandono, a incompetencia e o desleixo da administración para co Monte Pindo é tamén unha metáfora do que acontece co noso patrimonio natural noutros espazos protexidos. A consellaría de Medio Ambiente fagocitada polo cemento e o asfalto está desaparecida, ao igual que o seu conselleiro. En Conservación da Natureza, a “dimisión” de García-Borregón deu paso a unha Directora Xeral que aínda non se estreou por estar de baixa. E co Monte Pindo ardendo a cachón, o “número dous” de Conservación, o subdirector xeral de espazos e biodiversidade Rogelio Fernández marchou de ferias. Toda a responsabilidade da xestión dos espazos protexidos na provincia da Coruña recae pois no xefe do servizo de conservación Carlos Muñoz, o mesmo que dirixíu o baleirado da lagoa da Frouxeira e que recentemente foi acusado pola Fiscalía Ambiental do TSXG xunta co subdirector Rogelio Fernández de prevaricación, falsidade documental e delicto ambiental no dragado da ría de Ferrol.
É o raposo a ter conta do galiñeiro!

Escurantismo e falta de respecto pola lei
A este panorama hai que engadir unha política de participación pública e comunicación absolutamente opaca, tamén no eido ambiental. Os organismos consultivos e de participación pública quer o COGAMADES (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel), o Observatorio Galego da Boidiversidade e o Consello da Rede de Parques Naturais de Galiza, levan meses sen convocarse, incumprindo a lei. O COGAMADES leva sen reunirse dende o 21-2-2012 (obriga legal de convocarse semestralmente -artigo 9 do decreto 74/2006-); o Observatorio Galego da Biodiversidade dende o 22-12-2010 (obriga legal de reunirse 1 vez ao ano -artigo 4 Decreto 260/2007-) e o Consello da Rede de Parques Naturais de Galiza, co deber de reunirse semestralmente -artigo 10 do decreto 148/2007- non se reuníu nin unha vez dende a súa constitución.

Cómpre lembrar que o Valedor do Pobo sinalou en repetidas ocasións a “renuencia” da Xunta a cumprir a lei e dar voz á sociedade na xestión dos nosos espazos protexidos.
Coma en tantos outros eidos, a Xunta nen fai, nen sabe, nen deixa facer, e agora quere tamén silenciar as voces críticas dos que demandamos actuacións urxentes para recuperar a natureza derramada pola catástrofe incendiaria.

Exit mobile version