No acto participou o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, quen dixo iniciar “unha nova viaxe ó pasado, que será dende o 30 de agosto ó 1 de setembro en Foz. Esta terceira edición iníciase cun cartel impresionante, cheo de actividades e cunha participación tanto de focegos coma de normandos moi grande, participación tamén na organización, o cal quero agradecer dende logo a todas aquelas peñas, asociacións culturais, grupos folclóricos, ó propio Concello e ás asociacións de veciños, como a de San Martiño, que están a participar nunha fin de semana importante”.
O rexedor explicou que os actos comezarán “o venres na capela do Bispo Santo co pregón que dará Francisco Narla, un escritor que baseou a súa última obra precisamente nestas invasións normandas do século X na costa galega. Despois haberá unha recreación por parte dos veciños de San Martiño e logo baixarase e haberá unha queimada na zona da Praza do Concello. O día grande é o sábado, co desembarco viquingo, onde hai unha participación importante tanto de Taranis, que é o grupo que asesora e fai a recreación histórica desta festa normanda, como tamén dos propios veciños de Foz. Farase o desembarco propio dende barcos viquingos, haberá loitas entre normandos e focegos e despois, evidentemente, será o Bispo Santo o que faga o remate da propia escenificación. Máis tarde será o desembarco na hostalería. Durante toda a mañá e toda a tarde haberá diferentes xogos populares tanto na praza Conde Fontao como tamén no paseo da Ribeira, sendo un sábado cheo de actividades. O domingo é o desembarco infantil”.
Castiñeira destacou que “unha das grandes novidades dentro das moitas que hai é a presentación, tamén no día de hoxe, da torta normanda que entre un grupo de pasteleiros de Foz decidiron recuperar cunha receita da época da que estamos a falar. Fixeron unha torta que eu creo que é saborosa e que vai a ter moita proxección e pola que agradecemos precisamente a este grupo de pasteleiros que traballaran historicamente nesta torta. Invito a todo o mundo a que goce tamén, aparte da festa normanda, desta torta cunha receita totalmente elaborada con produtos que había no século X e cun sabor especial, cunha presenza preciosa. Seguro que vai a ser un éxito e de aquí en diante quedará esta torta normanda para a propia festa, podendo saborearse sempre en todas as festas normandas de Foz”.
O alcalde invita a “todo o mundo a que veña a Foz do 30 de agosto ó 1 de setembro e goce da recreación histórica que nos leva ós focegos ao século X, un século histórico que nos leva a recuperar a lenda do Bispo Santo”.
Ademais das actividades comentadas por Javier Castiñeira no programa inclúense outras como o mercado e campamento, que se realizarán o primeiro día da festa. O sábado contarase coa representación teatral por Os Quinquilláns; varios xogos populares como o tiro da paca de palla, a cucaña ou a carreira de pipos; a entrega de premios e o nomeamento do focego maior; as vodas viquingas e un concerto de música folk en vivo polo grupo Nasdrovia, na praza Conde Fontao. O domingo será a última xornada, co desembarco infantil, o desfile e a entrega de premios para as mellores indumentarias.