Barreiros, 21 de agosto de 2013. O vindeiro martes, 27 de agosto, ás 10:30 horas, realizarase na praza do Souto en San Miguel de Reinante a actividade Ponlle as pilas ao teu bocata, destinada a nenos e nenas de 5 a 16 anos.
A Concellería de Servizos Sociais de Barreiros, coa colaboración da Xunta de Galicia, organiza esta xornada lúdica sobre o consumo de peixe e marisco, informando dos beneficios das conservas e as enerxías que estas aportan. A actividade consiste na realización dun xogo lúdico – educativo e a posterior realización de bocatas de conservas polos asistentes.
A xornada pretende levarse a cabo na praza do Souto, pero se a climatoloxía non o permite, trasladarase ó CEIP de San Miguel. As prazas están limitadas a 50, por orde de inscrición, que se realizará previamente no Concello de Barreiros, de 9:00 a 14:00 horas, ata o próximo venres, día 23 de agosto.