Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian que o Concello de Cervo consinte que a Xunta denegue a subvención para a Maruxaina sendo Festa de Interese Turístico como a Queimada ou a Festa do Ourizo

CERVO, 22 DE AGOSTO. Os socialistas de Cervo denuncian a deixadez e a vagancia do equipo de goberno en torno á recepción de subvencións para as Festas declaradas de interese turístico de Galicia, “non podemos comprender que se consinta que a Xunta de Galicia, con competencias no asunto, conceda 3.500 euros de axuda á Queimada Popular de Cervo e á Festa do Ourizo e denegue a mesma parte para a Maruxaina”.

Neste mesmo senso, subliñan que “só barallamos tres motivos, unha falta de interese total e absoluta por parte do goberno, a preparación errónea da solicitude por non ler ou non querer ler os gastos que son subvencionables ou que entre a Xunta e o Concello exista un cambalache para consentir que en lugar de tres se outorgasen só dúas”.

Sexa o motivo que sexa, dende o PSOE de Cervo aseguran que “vista a actitude de ambas administracións está claro que para a Xunta de Galicia tamén debe haber distincións á hora deste tipo de subvencións, distincións entre festas de interese turístico de primeira e de segunda”.

Cren que “é un verdadeiro orgullo contar con tres festas declaradas de interese turístico de Galicia, é importante conservalas e promocionalas. As tres, con gran éxito, son merecedoras do mesmo trato. Entendemos que se nos debe como veciños unha explicación para coñecer claramente os motivos destas decisións”.

Exit mobile version