O martes 13 deste mes de agosto, ás 21 horas, trala inauguración da Feira do Libro de Viveiro (20 horas), terá lugar a presentación do libro de poemas de Xaime Oroza, ‘Dende mañá’, con ilustracións de Otero Regal. Falarán, desta súa nova proposta editorial, os dous asinantes da obra no marco da Feira do Libro. O poemario ilustrado que está editado por Regal Xunqueira e imprentado por Gráficas Neira Brochs sae á venda cun prezo de 15 euros. ‘Dende mañá’, trae a poesía a Viveiro e dende Viveiro, no estoupido da palabra escollida e recollida no vagar de Xaime entre as rochas salgadas da Ría e os montes e bagoadas do val do Landro. O asalto da voz que nos fala dende as páxinas, trochando a uniformidade que a cotío vampirízanos a sensibilidade, poñendo un pano mouro diante de todos os refrexos que nos aventan os ollos: o mar, o río, a brisa, a chuvia, o merlo ou a bolboreta…. Xaime levanta ese pano, interiorizando todo aquelo que recorre e aquelo todo que a él o empapa. E, con elo, abre a fiestra deste libro de poemas, revelándonos o que temos diante, tan preto e tan noso, aínda que pareza que viva ao noso carón coma un extraño veciño, ata que Xaime nolo presenta para que o coñezamos. Aí mesmo, ó finalizar o acto, haberá un coloquio e firma de exemplares, por parte dos autores do libro.