Barreiros, 22 de agosto de 2013. Mañá, 23 de agosto, terá lugar a última queimada proletaria nas terrazas do cámping Gaivota. Será a partires das once da noite. A nota musical correrá a cargo dos rusos Vadim Trío.
O organizador e propietario do cámping, Celso Dourado, destacou que “o nome de proletaria que recibiron as queimadas ven primeiro porque é gratis e segundo porque non nos gusta a palabra popular, por iso o de queimada proletaria. Vai ter lugar este venres nas terrazas do cámping Gaivota, como sempre a partires das 23:00 horas da noite, e neste caso a música vai correr a cargo de Vadim Trío. Vadim é un personaxe de sobra coñecido practicamente en Galicia, os seus orixes rusos delatan o seu nome e é unha formación nova de recente creación que mestura todo un tipo de músicas”.
Esta actuación é a derradeira dunha programación musical moi importante que tivo lugar ao longo de todo este verán para conmemorar o 25 aniversario do cámping Gaivota. Segundo explica Dourado, “temos un formato de clientela que valora moito o que é todo o que rodea á cultura, entonces qué mellor para celebrar estes 25 anos que ter un elenco musical de primeira fila. Penso que o acadamos e penso que realmente foi unha celebración moi valorada polos clientes e polas persoas que se achegan ao cámping”.
O artista barreirense sinalou que “estar 25 anos á fronte dun negocio cunhas determinadas características, resistindo e sempre cunha liña moi clara, eu penso que merece a pena celebralo. Nunca se cambiou de liña, sempre se promoveu un turismo de calidade, un turismo que valora o medio. Fomos practicamente os primeiros en editar en formato escrito, en formato papel, unha serie de rutas para que todos aqueles clientes que se acercan polo Gaivota saiban onde están e visiten os puntos de maior interese que hai na comarca e un longo etcétera. A verdade é que o que nos coñece sabe que o vivimos intensamente e lle dedicamos moitas horas e moito esforzo”.