O PP do B denuncia tramas. O partido do diñeiro B. O que non explica as contas en B que acredita o xuíz Ruz nin di de onde sae ese diñeiro B ao que se refire tal xuíz. En fin, o PP do B. Que é o PP de Balseiro, que é o mesmo que o PP de Barreiro, igualiño que o PP de Barcenas. Claro e transparente, como a contabilidade B, si a que investiga Ruz na Audiencia Nacional.
O PP do B. O PP de Balseiro. O que converteu os Hospitais de Monforte e Burela en sucursais do Hospital de Lugo. O que deixou sen funcións as Delegacións de Facenda de Foz e Monforte. O que prepara o feche dos xulgados de Monforte, Chantada, Vilalba, Becerreá, Fonsagrada, Mondoñedo e Viveiro. Non vos perdades que este PP do B, o Partido Popular de Balseiro, é o da trama urbanística de Barreiros; con máis de 3000 licencias urbanísticas que presuntamente non se axustan a dereito. É o dos pelotazos dos “Pasillos Verdes” que remataron, como reclamaban, en converter A Mariña na Marbella do norte.
O PP do B. O PP de Barreiro. O que co seu silencio apoia a un Alcalde de Baralla que xustifica e defende os asasinatos do franquismo. O que sae escoltando polo garaxe do Senado a Rajoy para que non teña que explicar a B de Barcenas. O que se agocha para non ter que dar contas da contabilidade do PP en B de Lugo. O que cala para non falar das concesións de obras que o goberno da Xunta do que foi membro lle deu á Gurtel por exemplo en Ribadeo.
Atentos! Que é PP do B. O Partido Popular de Barreiro. O do Conselleiro de Medio Ambiente que é mudo cando toca dar conta das concesións hidroeléctricas, ou dos negocietes na rede Natura. E así seguimos, porque é o PP en B.
O PP do B mete medo. Non falamos dunha forza política, aínda menos dun instrumento ao servizo dos cidadáns. Isto, ás veces, semella unha falanxe cando saen de caza polos Ancares coa súa boneca vestida de azul.
Outras, unha empresa do sector cárnico especializado na produción de embutidos.
E xa estamos na trama até o fondo. Co nepotismo que é o goberno dos parentes, co B de Barcenas (e o doutro e máis o do outro), co dos imputados de norte a sur e de leste ao oeste, co roubo aos preferentistas e agora aos emigrados. E co pobo no paredón “Cara al sol” porque se os asasinaron é porque algo fixeron.
Ana Ermida Igrexas