Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro advirte das deficiencias de seguridade e falta de control nas obras municipais

obras-viveiroO PP de Viveiro advertiu en multitude de ocasións das deficiencias e a falta de control que existe nas actuacións municipais.

A obra que se está realizando no comezo da Avenida de Cervantes é un expoñente máis da falta de control e unha mostra do despropósito do goberno municipal, constituíndo este proceder en algo cotián.

A realización desta obra neste período xa é de por si un desatino, no momento de maior tráfico do ano é precisamente cando se lles ocorre iniciar estes traballos, despois de varios meses coa obra parada. Pero non so é a incomodidade do tráfico o que molesta aos cidadáns senón o prexuízo económico que dita decisión acarrea aos comercios da zona, ignorando unha vez máis a importancia económica que estas actividades teñen para o propio concello.

Todo o mundo que pase pola zona pode observar como os peóns que queiran acceder desde a Avenida Cervantes á Travesía da Mariña ou viceversa, inexorablemente teñen que invadir a estrada co conseguinte risco para a súa integridade, de tal forma e maneira que fai poucos días un viandante para librarse de ser atropelado tivo que cinguirse tanto á valla de protección, por certo con puntiagudas arestas, que viu como a súa camisa recén estreada sufriu tantas roturas que fixeron imposible a súa reparación.

O PP pregúntase se o responsable de Seguridade e Saúde desa obra, en caso de que exista, non necesita un bo curso de reciclaxe ao igual que o concelleiro de obras que tanto se vanagloria da súa deficiente xestión.

O PP de Viveiro advirte do grave risco que esa obra ten para os viandantes e esixe a súa inmediata solución antes de que chegue a producirse algún accidente que despois haxa que lamentar.

Exit mobile version