Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo pregúntalle a Fernando Suárez e Vicente Castro se comparten as declaracións do grupo e reafirman que o edil cumpre coas súas funcións e horario na Deputación

Ribadeo, 21 de agosto de 2013.- O Partido Popular de Ribadeo esíxelles tanto ao rexedor local, Fernando Suárez, como ao edil, Vicente Castro, que dean a cara e expliquen se comparten as declaracións postas de manifesto polo Grupo Provincial do BNG, nas que aseguran que o concelleiro cumpre coas súas funcións e horario na Deputación, cando é público e notorio que o edil non se despraza ata o organismo provincial para realizar as súas labores como traballador do ente.

O rexedor local, como primeiro responsable do goberno municipal e do BNG de Ribadeo, e tras levar anos liberando ao seu servizo un traballador da Deputación, deberá ser contundente nas súas declaracións e cando menos explicar se se reafirman nas declaracións do Grupo Provincial do BNG, baseadas, segundo os populares, na mentira e falta de rigor, ante un feito público e notorio.

O Partido Popular de Ribadeo asegura que calquera veciño pode corroborar este abuso de poder do goberno nacionalista que lidera Fernando Suárez, xa que é coñecido que o edil, en realidade, exerce a súa función como concelleiro nacionalista en Ribadeo, onde pasa o seu tempo, feito totalmente incompatible coa xornada laboral e oficial da Deputación.
Polo tanto, é patente, segundo explican os populares locais, que as afirmacións postas de manifesto polos nacionalistas provinciais son mentira, e eles, que si coñecen a verdade, optan por falseala e manipulada, abusando do poder o que leva aos populares a sospeitar, incluso, dun posible financiamento ilegal dun partido político.

O PP quere coñecer se Fernando Suárez comparte este presunto fraude
Tendo en conta que Vicente Castro é a man dereita do alcalde nacionalista, os populares esíxenlle a Fernando Suárez que dea explicacións e asegure se ampara esta situación, que pode chegar a ser constitutiva dun presunto delito de malversación de fondos públicos, ao estar percibindo un salario sen realizar as funcións polas que foi contratado e sen, sequera, desprazarse ao seu posto de traballo no ente lucense.

O PP leva denunciando dende fai un mes unha flagrante irregularidade pola que se estaría pagando diñeiro público a persoas que non realizaban as funcións polas que foron contratadas, senón que traballan para a formación política nacionalista, da que o rexedor local forma parte.

Así, os populares chegan a sospeitar dun posible financiamento ilegal dun partido político, no que se integra Fernando Suárez, e polo que é necesario dar explicacións ao respecto.

O PP pregunta pola actitude que tomará o alcalde
Ante a situación descrita e constitutiva dun presunto fraude, Fernando Suárez dentro das súas funcións como rexedor local ademais de dar explicacións debería tomar medidas ao respecto, segundo manifestan os populares.

Así, neste senso, os populares pregúntalle ao alcalde nacionalista o que fará logo de darse a coñecer esta situación, pública e notoria. A formación do PP de Ribadeo quere saber se este diñeiro percibido das arcas da Deputación sen levar a cabo a función pola que foi nomeado o edil será devolto, ou incluso se o alcalde barallará a dimisión do concelleiro.

Exit mobile version