Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular defende no Parlamento galego a imposición de medidas sancionadoras contra as Illas Feroe e Islancia pola sobrepesca de xarda

Santiago, 13 de agosto de 2013.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular e secretario do Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro, defendeu este martes a imposición de medidas sancionadoras contra as Illas Feroe e Islandia pola sobrepesca de xarda que están a levar a cabo as flotas destes dous países en augas do caladoiro Atlántico Nordeste.

Os populares defenderán no Parlamento galego unha proposición non de lei pola que se demanda á Comisión Europea, aos deputados galegos na Eurocámara e ao Ministerio a continuidade do apoio a esta petición que busca protexer os intereses pesqueiros da flota comunitaria e moi en concreto, os da galega, para a que a xarda é un recurso pesqueiro de gran importancia. Cando teña lugar o debate desta iniciativa no Parlamento galego, esperan contar co voto favorable do resto das forzas políticas galegas: PSOE, AGE e BNG.

Os populares víronse na obriga de demandar estas sancións tras constatar as queixas reiteradas dos profesionais do mar pola conduta de Islandia e as Illas Feroe no que respecta a súa negativa a limitar a súa pesca, porque a súa incumprimento coloca á flota comunitaria nunha posición de desvantaxe.
Balseiro insiste en que non parece moi lóxico que, mentres as flotas comunitarias “están apostando pola sostibilidade pesqueira, de tal xeito que adaptamos as nosas posibilidades de pesca de conformidade cos ditames científicos, co esforzo que esto implica, existan países que unilateralmente renuncien a todo esforzo de conservación e fixen as súas cotas sen ningunha restrición”.

Segundo o voceiro do Mar de persistir nesta actitude, as flotas de Illas Feroe e Islandía estarían a poñer en perigo este stock pesqueiro e o futuro dun sector xa de por si afectado polas restriccións na pesca de determinadas especies de grande interese comercial

SANCIÓNS COMERCIAIS
Balseiro defende que o comportamento inxustificado destes dous países obriga ás autoridades comunitarias a poñer en marcha os mecanismos previstos no regulamento de sancións comerciais. Lembra neste senso que a UE dotouse en setembro de 2012 dun instrumento legal que permite impoñer sancións no caso de que xurdan este tipo de problemas e fallen as negociacións con eses países.

As posibles medidas comerciais que formarían parte das sancións van desde prohibicións á importación ata o bloqueo dos portos da UE para os buques pesqueiros dos países incumpridores.

Tanto o Goberno de España como os Executivos de Francia, Reino Unido e Irlanda veñen de insistir á Unión Europea para que poña en marcha este procedemento sancionador. De feito, esta petición conta xa co visto e prace do Comité de Pesca e Acuicultura e coa posición favorable –neste estadio inicial- da comisaria europea do ramo. A petición do Grupo Popular vai na dirección de que estas sancións se materialicen canto antes en defensa dos intereses pesqueiros de Galicia e do conxunto da Unión Europea.

Exit mobile version