Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP asegura que a aportación do BNG ao SAF na Mariña, en función do que están obrigados a pagar, supón soamente “calderilla”

Lugo, 21-07-2013.- A voceira do GPP na Deputación Provincial de Lugo, Elena Candia, vese na obriga de cualificar de “calderilla” a aportación do BNG, -responsable da área de Benestar no ente provincial-, ao mantemento do Servizo de Axuda no Fogar nos concellos da Mariña. Tanto é así que en función da contía que están obrigados a pagar, o bipartito provincial, deixa sen cubrir o 85% do servizo nos concellos da Mariña.

Dunha maneira máis concreta, a voceira do PP explica que dos máis de 1,4 millóns de euros que custa o servizo nos concellos da comarca, a Deputación Provincial de Lugo está a pagar só 217.680 euros. É dicir, un 15% do servizo.

Deste xeito e cos datos concretos que se adxunta abaixo, a popular asegura que o pago de só 15 de cada 100 euros que debe sufragar o ente provincial, non garante o Servizo de Axuda no Fogar na Mariña, e polo tanto, a Deputación Provincial de Lugo incumpre a normativa en servizos sociais.

Análise por municipios
Elena Candia explica que só un concello da Mariña, Viveiro, recibe a mesma cantidade da Deputación, -para arranxar a mala xestión do rexedor-, para gastos correntes, que a percibida por 16 concellos en concepto de Axuda no Fogar.

Porén, a voceira popular explica que esta situación se dá cunha particularidade a maiores. O pago do SAF é de obrigatorio cumprimento por lei, mentres que a subvención excepcional concedida a Viveiro por contía de 210.000 euros é voluntaria e inclusive, segundo matizan dende o Grupo Provincial do PP, de dubidosa legalidade.

Mentres, Candia explica que existen concellos como Barreiros que percibe só un 8% do Servizo de Axuda no Fogar, fronte a outros, é o caso de Riotorto –gobernado polo BNG-, que conta cunha aportación da Deputación do 53%.

Esta situación pon de manifesto a utilización partidista de fondos públicos por parte do ente que dirixe José Ramón Gómez Besteiro, asemade a popular resalta que, tal e como aclaran os datos que se aportan no cadro inferior, as cifras anunciadas nos medios polo BNG son froito dunha interpretación sesgada e malintencionada.

Unha Deputación despreocupada por Benestar
A voceira do PP na Deputación Provincial de Lugo lembra que o benestar non é unha prioridade para o bipartito da Deputación que deixou no 2011 máis de 140.211 sen executar en subvencións nesta área, dentro do Plan Estratéxico de Subvencións.

Asemade, o GPP recórdalle ao bipartito provincial que a lei de servizos sociais foi aprobada polo goberno bipartito no ano 2008 e pretendía dar un novo escenario na regularización dos servizos sociais, para acadar un gran pacto social a favor dos máis desfavorecidos, impoñendo unhas obrigas económicas a todas as administracións.

De igual maneira, O GPP lémbralle a Besteiro que o decreto que perfecciona esta regularización establece que para os concellos de menos de 20.000 habitantes as deputacións provinciais financiarían a maior parte do SAF no Fogar Básico e a contratación de persoal distinto aos traballadores sociais.

Exit mobile version