Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz recupera a Feira do Gando de Cangas por iniciativa duns rapaces da parroquia

Foz, 12 de agosto de 2013. O Concello de Foz recupera a feira de gando de Cangas por iniciativa duns rapaces da parroquia. Celebrarase o vindeiro domingo, día 18 deste mes, segundo anunciou este luns o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural, Pedro Fernández Manín.

“Cangas a principios do século pasado, é dicir entre os anos 1910 e 1920, e ata o ano 1948, xa celebrou feiras de gando nun sitio que se chamaba a Costa de Rosenda, ó lado do río Alemparte”, explicou Fernández Manín, que tamén comentou que, segundo testemuñas de veciño que hoxe superan os 80 anos de idade, a celebración realizábase neste lugar, aínda hoxe denominado “A Feira”. A Taberna de Rosenda foi a que deu lugar ó topónimo Costa de Rosenda e nos seus baixos aínda se conserva a corte que servía de descanso para os animais de tiro e que logo foi escola dos nenos de Ribela.

O edil sinala que “é unha feira moi antiga que o Concello, por iniciativa dun grupo de rapaces que queren formar unha asociación de cabaleiros que levará o nome de Cabaleiros de Cangas, quere recuperar e sacar novamente adiante. Por parte do Concello apoiarémolos na organización, pero eles corren practicamente coa publicidade, premios, etcétera. É dicir, son un grupo de rapaces ós que eu quero agradecer a súa labor, porque é un traballo que costa moitísimo facer”. Entre os cabaleiros da parroquia de Cangas de Foz podemos encontrar a Miguel, Eladio, Pedro ou Eugenio.

A feira, segundo explica Fernández Manín, será “o próximo día 18 do presente mes e terá a súa presentación oficial por parte do Concello e do grupo de rapaces promotores da iniciativa este xoves. Penso que vai ser unha das feiras da zona con un gran relevo de asistencia de gando, tanto vacún como cabalar”.

Exit mobile version