Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela está a lavar os colectores do lixo

Burela, 20 de agosto de 2013. Desde onte e ata finais desta semana estase a proceder ao lavado dos colectores do lixo en Burela.

Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, “estábannos a dar algún que outro problema este verán, debido ao calor que está a facer”. A edil popular fai fincapé “na necesidade de depositar o lixo nos contedores en bolsas perfectamente pechadas para evitar que os desperdicios queden derramados no seu interior. Esta recomendación facémola extensiva aos veciños e ás veciñas de Burela e tamén ao sector hostaleiro, porque nas últimas semanas detectamos a presenza de lixo depositado directamente nos contedores, sen ir embolsado”.

López Eijo subliñou que “tanto a empresa encargada do lavado dos contedores coma o Concello estamos a cumprir con celeridade á hora de realizar estas tarefas e ofrecer a mellor imaxe de Burela aos nosos veciños e aos que nos visitan nestas datas”.

A concelleira de Medio Ambiente anunciou que “Concello e empresa estamos a elaborar un programa de actuacións concretas para continuar mellorando a imaxe de Burela. Agardamos que estas medidas teñan reflexo en breve”.

Exit mobile version