Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela e o sector pesqueiro manterán un novo encontro para concretar as posibles alegacións que presentarán ao plan de usos do porto

Burela, 21 de agosto de 2013. Concello e sector pesqueiro manterán un novo encontro para concretar as alegacións que presentarán ao plan de usos do porto de Burela. Na xuntanza de hoxe, segundo o alcalde, José Mª González Barcia, analizaron o uso que se lles dará aos pantaláns que comparten lanchas deportivas e pesqueiras, as futuras expansións das concesións e o uso compartido da zona comercial.

O rexedor explicou que “hai uns momentos acaba de rematar a reunión que aquí no Concello mantivemos con representantes do sector pesqueiro, en concreto, coa Confraría de Pescadores, con Absa e máis coa OPP para facer unha primeira toma de contacto sobre o plan de usos do porto de Burela, recentemente publicado por Portos de Galicia e que está sometido a información pública”.

González Barcia indicou que “en liñas xerais a valoración que se fai deste documento é boa, tanto pola parte nosa, por parte do Concello, como por parte do propio sector. Analizándoo vimos que recolle bastante ben a situación actual do porto. En concreto, nós incidimos en dúas ou tres cuestións que nos parecen fundamentais e que tratan fundamentalmente de concretar o uso que se lles vai dar ós actuais pantaláns, porque se agora mesmo se están compartindo por parte de lanchas deportivas e por parte de lanchas de pesca, no plan de uso tampouco queda moi definido cal vai ser o uso precisamente que se lles de ós pantaláns”.

O rexedor seguiu a relatar que “entendemos que as futuras expansións de concesións como por exemplo Armadores de Burela non deben estar condicionadas por un uso preexistente. Nós entendemos que contemplar no plan de usos ou que de algunha maneira quede reflectida a posibilidade dunha futura expansión de Absa, aínda que ó mellor non chegue a producirse, non estaría de máis tendo en conta que a actividade fundamental do porto de Burela é a pesqueira. Como terceiro detalle dunha certa relevancia, pero que tampouco ten unha transcendencia especial porque o propio plan contempla a posibilidade de comparto de usos previa autorización de Portos de Galicia, sería reflectir no plan o uso compartido que está tendo agora a zona comercial. Efectivamente, nosoutros entendemos e o sector entende que a zona comercial é de vital importancia para o porto de Burela porque durante o ano pasado saíron deste porto máis de 100.000 toneladas de distintos materiais cara a outros países, fundamentalmente caolín e madeira. Tendo ese dato en conta, pero tamén tendo en conta que a zona comercial do porto hai días en que non está ocupada por barcos dedicados a este tema, cando a zona estea libre que poida ser usada tal e como está sendo ata agora polos barcos pesqueiros”.

José Mª González Barcia anunciou que “vamos facer dende o Concello un texto refundido con todas estas posibles alegacións e posteriormente manteremos unha reunión de novo co sector pesqueiro para concretar ditas alegacións que en todo caso, tal e como se dixo ata agora, van ser tratadas tamén con Portos de Galicia, porque o que queremos ou o que pretendemos é que as alegacións que nós formulemos, que insisto non teñen unha relevancia especial sobre o plan de usos, si sexan tidas en conta por Portos, e para que sexan tidas en conta por Portos evidentemente deberemos de chegar a un consenso con eles”.

Exit mobile version