Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela acollerá este mércores unha xuntanza para estudar o Plan de Usos do Porto

Burela, 20 de agosto de 2013. Mañá, mércores 21 de agosto, terá lugar no Concello de Burela a reunión para estudar o plan de usos do porto. Acudirán, xunto co propio Concello, a Confraría de Pescadores, os Armadores de Burela e a Organización de Produtores Pesqueiros. O encontro terá lugar ás 13 horas.

O alcalde, Jose María González Barcia, explicou que “tal e como estaba previsto e tal e como anunciamos mañá, mércores, ás 13:00 horas vai ter lugar aquí no Concello, na sala de xuntas, unha reunión á que vamos asistir, por un lado, o propio Concello, evidentemente, e por outro lado, a Confraría de Pescadores, Armadores de Burela e a Organización de Produtores Pesqueiros, para estudar o plan de usos do porto de Burela, feito público por Portos de Galicia durante a semana pasada”.

O rexedor sinalou que “a finalidade desta xuntanza é analizar este documento e, na medida do posible, mellorar aqueles puntos onde vexamos que se pode. E as aportacións que se fagan, facelas de forma consensuada entre o sector pesqueiro e o Concello. Nós entendemos que este plan de usos é necesario para o porto de Burela, que ten o tamaño e a densidade de tráfico suficiente como para elaborar un plan de usos que, por outra parte, ven definido xa na propia Lei de portos. Este plan de usos é o paso previo e imprescindible para poder elaborar un plan especial do porto de Burela. Nosoutros estamos en disposición de colaborar tanto co sector pesqueiro como con Portos de Galicia para mellorar, se cabe e se é posible, o documento que agora mesmo está a exposición pública”.

González Barcia aclara que “a nosa intención é estar en contacto permanente con Portos de Galicia, de feito, algún contacto xa houbo, para que todo aquilo que se entenda dende Burela que debe ser presentado vaia consensuado tamén con Portos para poder, entre todos, facer un documento que realmente estea acorde coas necesidades e coa importancia que ten o noso porto”.

Exit mobile version